BNG esixe á Xunta que negocie a homologación de títulos de FP para os mozos e mozas que tiveron que emigrar a Suíza
Daniel Castro considera unha “vergoña” que os retornados que non puideron cotizar sexan tratados como “cidadáns de segunda” na sanidade pública
O deputado do BNG Daniel Castro García denunciou no Pleno do Parlamento as condicións de precariedade nas que se ven obrigados a traballar numerosos mozos e mozas galegas que se viron na obriga de emigrar a Suíza nos últimos anos e aos que non se lles homologan os estudos cursados na Galiza.
O parlamentario referiuse expresamente aos títulos de FP que non son recoñecidos polo país helvético e esixiu á Xunta, que ten as competencias de Educación, que negocie co Goberno suízo un convenio de colaboración que permita a homologación “directa e automática” destes estudos, “evitando así calquera demora que discrimine e penalice laboralmente os galegos e galegas que traballan neste país”. Actualmente, advertiu, “moitas empresas aproveitan para pagarlles menos salario coa escusa de que non teñen homologado o seu título, pese a que realizan con toda eficacia o traballo”.
Daniel Castro defendeu unha proposición non de lei na que reclama tamén solución para outros problemas da emigración na Suíza, país no que residen máis de 40.000 galegos “que por desgraza tiveron que emigrar na busca de mellores condicións de vida hai moitas décadas pero tamén recentemente”. Expuxo, neste sentido, a necesidade de garantir aos galegos e galegas emigrados o dereito a expresarse e educar aos seus fillos e fillas na súa lingua. Convidou así á Xunta a “pasar á acción” para facer que a TVG emita a través da súa canle internacional programación infantil e xuvenil en galego.
O deputado do BNG reclamou, por outra banda, a creación dunha oficina física e permanente con persoal e medios necesarios “para que os nosos emigrantes teñan un lugar de acollida” onde se lles preste axuda no momento de chegada a Suíza e onde podan recibir información e asesoramento para facer os trámites administrativos necesarios “con axilidade e co menor custe posible”.
A mesma dilixencia pediu o nacionalista para a tramitación das pensións de invalidez ou cos certificados de discapacidade.
“Debemos acabar tamén cosa vergoña existente que consiste en que aqueles e aquelas emigrantes galegas que nunca puideron cotizar no noso país, nin no Estado español, teñan que pagar unha cota mensual se deciden volver e facer uso da nosa sanidade pública”, proseguiu Daniel Castro durante a defensa da iniciativa do BNG. Porque, ao seu xuízo, “non é normal que despois de que o teu país de orixe che obrigue a coller as maletas por falta de traballo digno, por falta de oportunidades, cando decides retornar te trate como unha cidadá de segunda que non ten dereito a sanidade pública, cando estamos falando de algo tan básico como a saúde das persoas”. “Non queremos que haxa galegos de primeira e de segunda”, insistiu.