BNG esixe á Xunta que convoque de xeito inmediato os contratos predoutorais e posdoutorais de investigación para 2023
Olalla Rodil: “Hai que coidar ás investigadoras e investigadores, darlles condicións de traballo dignas, garantir estabilidade e contornas laborais estimulantes e motivadoras, non facer da administración o seu principal problema.”
O PP recoñece o atraso na convocatoria mais non se comprometeu a dar unha data concreta para os contratos nin admitiu a petición do Bloque para que estes sexan abertos ás candidaturas que non están aínda matriculadas nun programa de doutoramento
O BNG demandou na Cámara a convocatoria inmediata dos contratos predoutorais e posdoutorais da Xunta para a investigación. Dita convocatoria vai xa con tres meses de retraso respecto das axudas do ano anterior, obrigando ás e os investigadores a pasar varios meses sen percibir remuneración e sen garantías de asinar os contratos ata decembro deste ano.
“Os retrasos ocasionados pola incapacidade absoluta da Xunta están causando enormes prexuízos sobre o persoal investigador deste país e poñen en evidencia, aínda máis, a precariedade máis absoluta na que temos a I+D neste país”, recriminou a portavoz de Ciencia, Olalla Rodil, que fixo referencia ás escusas do Goberno do PP para non sacar aínda a convocatoria, debido “á xubilación de dúas ou tres persoas” do servizo administrativo, “é indignante que os principais programas de investigación na etapa formativa de Galiza dependan de dúas ou tres persoas”, denunciou.
Rodil fixo fincapé na “desidia” da Xunta respecto un dos eixos vitais para o desenvolvemento do País, a investigación e a ciencia, xa que, aparellado a este retraso na convocatoria, o Goberno do PP mantivo sen contrato asinado durante cinco meses ao potencial persoal investigador en lista da agarda da convocatoria do 2022, “que debían iniciar os seus contratos en decembro e non os puideron asinar até este mes de abril”, reprobou aos Populares.
De feito, a portavoz de Ciencia recriminou que, por riba deste “considerable retraso”, a Xunta anunciara ás organizacións e asociacións das persoas investigadoras que na convocatoria prevista para este 2023 “non poidan acceder aquelas persoas que non estean xa matriculadas nun programa de doutoramento no curso 22-23”, o que, de facto, “implica que as investigadoras terían que estar si ou si un ano, este, sen cobrar para poder concursar a estes contratos”, unha situación que xera “certeza e inestabilidade onde as potenciais traballadoras teñen que pasar un ano vivindo do aire”, criticou.
É por iso que o BNG considera “esencial” o apoio á etapa predoutoral e posdoutoral “porque a I+D+I debe ser estratéxica, sen ciencia e investigación non hai futuro, nós no primeiro no que pensamos é nas persoas que investigan”, declarou a parlamentaria do Bloque, que emprazou ao Goberno do PP a convocar “de xeito inmediato” as axudas para contratos predoutorais e posdoutorais deste 2023, matizando “que poidan optar a eles persoas que aínda non estean matriculadas en ningún programa de doutoramento” e esixiu da Xunta paras as vindeiras convocatorias “un calendario claro, estable e permanente que permita, de maneira planificada, publicalas no mes de xaneiro”, para así dar máis certezas á comunidade investigadora.
Ditos compromisos foron rexeitados polos Populares na Cámara, que recoñeceron o retraso na convocatoria, segundo declarou a súa portavoz, Marisol Díaz, mais non se abriron ao acordo para garantir que ditas axudas se abriran na súa convocatoria aos posibles candidaturas de persoas non matriculadas no 22-23 nun programa de doutoramento, algo que Rodil cualificou como “improvisación” e criticou a orientación dun Goberno do PP “que obriga ás investigadoras a vivir do aire e da incerteza mentres mantén paralizada uns contratos por mor dunha xubilación”.