O BNG esixe á Xunta que garanta a vacina da gripe para todos os colectivos de risco
O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a que consiga o número de doses precisas da vacina da gripe para garantir a súa subministración, como mínimo, a todos os colectivos de risco. A deputada Montserrat Prado traslada deste xeito á Cámara a situación que están a vivir nas últimas datas os centros de saúde, logo de esgotar as doses para subministrar ás persoas que xa dispoñían de cita previa para ser vacinadas.
Neste sentido, Prado reclama tamén ao Goberno galego un informe específico sobre a campaña de vacinación da gripe para coñecer as causas desta situación, o número de doses dispoñíbeis, o cronograma real para a súa disposición e a previsión do número de persoas e colectivos aos que se lles vai poder subministrar.
A deputada nacionalista reprocha á Xunta a súa “falta de previsión e a improvisación coa que está actuando o Sergas”, logo de facer un chamamento masivo á cidadanía para que se vacinara contra a gripe como medida preventiva no actual contexto COVID e poder así minimizar os contaxios e evitar o colapso do sistema sanitario.
Ante o esgotamento da vacina, “é moito o malestar e a preocupación que se está xerando entre as galegas e os galegos”, advirte, para a continuación considerar “inaceptable” que se sume unha nova incerteza a un contexto como o actual e que no ámbito sanitario xa vén marcado “por listas de espera para acceder á atención presencial ou dificultades para a atención telefónica”.
Prado lembra que o Goberno galego publicitara no seu día a adquisición de 617.500 doses de vacina contra a gripe, ás que se engadirían outras 248.000 achegadas polo Estado, polo que reclama á Xunta que aclare cantas son realmente as doses dispoñíbeis e se está en condicións de garantir o subministro a todos os colectivos de risco.
Nesta batería de iniciativas, a deputada por Pontevedra reclama por último unha campaña informativa na que se lles clarifique aos galegos e galegas cales son os colectivos prioritarios na actual campaña de vacinación e evitar así dúbidas entre o conxunto da cidadanía.