BNG esixe á Xunta do PP que tome medidas para evitar máis vertidos de caucho granulado ao río Verdugo e á ría de Vigo
O deputado encargado da área de Medio Ambiente, Luís Bará, esixiulle á Xunta do PP e a Augas de Galiza, diante do seu director xeral, Roi Fernández Allón, que tomen medidas para evitar o grave impacto ambiental e para a saúde que supón o vertido de toneladas de caucho granulado ao río Verdugo e á ría de Vigo procedente do campo de fútbol do Chan de Barcia de Pontecaldelas.
Bará advertiu que, en época de enchentes, as augas arrastran o céspede sintético provocando, ademais de danos ambientais e para a saúde das persoas, cuantiosas perdas económicas. “Non só é un dispendio económico de recursos públicos porque hai que reconstruír unha e outra vez o campo, tamén é un dano ambiental”, asegurou.
Na súa resposta ao BNG, o director de augas de Galiza asegurou que estaba aberta unha investigación para ver se houbo contaminación, dando a entender que actuarían con medidas encamiñadas a impedir que volva producirse a contaminación do río, o que tamén podería afectar á actuación de reforma do campo.
Porén, chamou a atención do deputado nacionalista o feito de que non tivesen coñecemento dos exhaustivos informes do colectivo ambientalista A Rente do Chan sobre o impacto ambiental destes vertidos recorrentes, catro deles nos últimos dez anos e o último o pasado 9 de outubro. Sinalou así a Augas de Galiza e á Xunta como “corresponsables por acción e por omisión”. “Por acción -explicou- por autorizar a reconstrución do campo, e por omisión por non ter feito nada”.
Ademais, Bará sinalou que se debería ter aplicado o “principio de precaución, fundamental na normativa ambiental” tendo en conta que se está producindo un dano evidente no río, competencia de Augas de Galiza, debendo por tanto “actuar e evitar que se produzan eses danos”, recriminou.
O responsable de Medio Ambiente, durante a súa exposición na comisión 2ª, amosou varias imaxes dos danos ocasionados pola enchente de 2023, e outras nas que se podía ver os gránulos de caucho recollidos este mesmo domingo na ribeira e na contorna do campo de fútbol tralo paso da borrasca “Kirk” e que foron directamente ao río, “un motivo máis que suficiente para que vostedes actúen”, manifestou.
Os gránulos de caucho están fabricado no 100% a partir de pneumáticos e cunha composición de hidrocarburos aromáticos policlínicos e outras substancias contaminantes para o medio e para a saúde. Bará lembrou que, por esta razón, “a Unión Europea prohibiu usar este material en instalacións lúdicas e deportivas a partir do ano 2031”.
O deputado subliñou que, “malia a estes antecedentes e á repetición de episodios de enchentes no río Verdugo, “o concello de Ponte Caldelas licitou a reconstrución do campo coas mesmas características técnicas e a mesma ubicación da anterior instalación, cun investimento de máis de 300.000 euros, que foi arrasado”, apuntou.
Segundo indicou o deputado nacionalista, o concello optou pola reconstrución no mesmo lugar baseándose no feito de que os terreos do Campo da Chan da Barcia están situados fóra da zona de perigo nos Mapas de perigosidade e risco de inundacións das Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs) da demarcación Galicia-Costa.
Neste sentido, o BNG quere saber se o Goberno galego vai iniciar o procedemento para a revisión dese Mapa de perigosidade e risco de inundacións para incluír os terreos de Chan da Barcia en Ponte Caldelas nas zonas de perigo e na área de asolagamento con retorno de 500 anos.
En canto a unha eventual nova reconstrución do recinto, Bará segurou que hai que traballar “noutros sistemas construtivos que non sexan tan agresivos, existen alternativas e vostedes débenas considerar co concello”. A mellor para o BNG sería a de cambiar o campo de sitio porque “evitaría moitos problemas e liberaría unha grande superficie na zona urbana para outros usos que tamén son necesarios”. Se esa opción non se considerase viable, Bará apuntou á “reconstrución do campo utilizando técnicas con materiais naturais, como fixeron por exemplo no campo de fútbol do Rosal”.
Bará animou tanto á Secretaría Xeral para o Deporte como ao Concello de Ponte Caldelas a sentarse a falar, estudar alternativas e facer as cousas ben e “ defender o río Verdugo e o bo uso dos recursos públicos”, concluíu.