BNG esixe á Xunta unha coidadora a tempo completo para as nenas e nenos con necesidades especiais do EII A Pastora de Cambados
BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que rectifique e destine unha ou un profesional dos coidados a tempo completo para garantir a atención que precisan as nenas e nenos con necesidades de apoio da Escola de Ensino Infantil (EII) A Pastora de Cambados, que actualmente conta cunha coidadora compartida co CEIP Antonio Magariños.
Segundo advertiu a deputada Montserrat Prado nunha pregunta parlamentaria, este “parche de ter unha coidadora compartida” articulado pola Consellería de Educación non está facilitando resposta ás necesidades especiais que teñen as e os nenos tanto dun centro coma doutro, “que non están recibindo a atención que a lexislación establece que teñen que recibir, lonxe dunha correcta atención á diversidade que, por dereito, lle corresponde ao alumnado”.
Logo de afondar sobre as singularidades dos distintos casos escolarizados no EII A Pastora e recordar que a dirección leva reclamando a dotación de coidadora dende xullo de 2021 e a ANPA xa se ten mobilizado neste mesmo sentido, Prado esixiu a Educación que “escoite as demandas da comunidade educativa”, así como o informe positivo por parte do equipo de orientación específica que determina esta necesidade e o informe tamén positivo da inspección educativa.
A deputada nacionalista criticou ao Goberno do PP que actúe en función de criterios económicos e non pedagóxicos “cando hai unha necesidade, hai profesionais e vostedes néganlles a estes nenos e nenas a atención que precisan simplemente por non contratar máis coidadoras” e recriminou ao director xeral de Centros da consellería que afirmara que ían avaliar cales son as necesidades da zona “cando levan todo o curso escolar sen atender esta demanda”.
Neste sentido, indicou que aínda quedan tres meses de curso e que Educación está a tempo de rectificar para o que queda de período lectivo, así como para garantir dende o inicio do próximo ano escolar a dotación dunha coidadora ou coidador a tempo completo no centro da Pastora. “O que vostedes teñen que facer é garantir esta atención cos e coas profesionais necesarios”, concluíu.