O BNG esixe a retirada do “Programa de Transformación á docencia innovadora” porque desmantela a Universidade pública
Rodil afirma que Partido popular quere levar o ensino universitario a un modelo educativo neoliberal cun programa revestido de innovación e “pola por de atrás”
“O Partido Popular abriu a porta á universidade privada en Galiza e semella disposto a desmantelar a pública”
O BNG exixe a retirada inmediata do “Programa de transformación á docencia innovadora no Sistema Universitario Galego”, documento elaborado por unha consultora privada e FEUGA para a Consellaría de Educación. A xuízo da deputada e portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil a propostas representa o “intento claro de desmantelamento da universidade pública aproveitando a dramática situación pola que está a pasar a sociedade galega e, nomeadamente, a comunidade universitaria do noso país”.
Para Rodil, o Partido popular, de maneira “groseira e pola porta de atrás” pretende afondar no modelo educativo neoliberal cunha proposta revestida de innovación. O Partido Popular critica a deputada, xa “abriu a porta á universidade privada en Galiza e agora tenta desmantelar a pública”.
Desde o BNG, recalca a nacionalista, “non consentiremos ningún programa nin medida que prexudique o Sistema Universitario de Galiza” e seguiremos defendendo e reclamando o dereito das e dos estudantes, presentes e futuros, a recibir “un ensino presencial e de alta calidade”.
Para o BNG o urxente e prioritario neste momento é dotar o ensino universitario público de Galiza dos recursos necesarios para adoptar as medidas de seguridade hixiénico-sanitarias e protocolos que deberán implantar as universidades e facultades no vindeiro curso 2020/2021 e reverter a política de “recortes e asfixia económica” que o PP aplicou nos últimos anos desde a Xunta de Galiza.
A crise sanitaria e económica provocada pola COVID-19 demostrou que os servizos públicos son fundamentais e máis necesarios que nunca para garantir os dereitos da cidadanía, especialmente das familias traballadoras, polo que volveu a reclamar a retirada do programa que conduce ao desmantelamento da universidade pública.