BNG esixe responsabilidades á Xunta ante as graves irregularidades que se están producindo na xestión de Sogama
O BNG exixiu á Xunta responsabilidades polas graves irregularidades que se están producindo na xestión de Sogama e que, o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, detallou ao presidente da sociedade, Javier Domínguez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego.
“Fronte ao autobombo no que vostede se quere instalar, pode darlle a esta comparecencia un formato de explicacións diante das irregularidades e tamén ilegalidades que se están producindo na xestión de Sogama”, recriminoulle o deputado nacionalista, para a continuación explicar en detalle a grave situación que se está a dar e na que, segundo recalcou, “hai moitas sombras, moitas dúbidas e moitas sospeitas”.
Así, explicou que, dado o colapso da planta de Cerceda, estase a realizar un desvío directo de residuos ao vertedoiro de Areosa, algo que a Xunta autorizou puntualmente pola recente avaría rexistrada na planta e “que silenciou cando debía ter informado dela”, pero que se produce á marxe desta avaría.
“A planta está colapsada, con camións que agardan ata 8 horas en poder descargar, e ante a falta de capacidade para tratar todos os residuos que chegan, desvíanse moitos deles a verter a caño libre no vertedoiro de Areosa”, denunciou, segundo a información -documentada con vídeos, imaxes e as denuncias dos propios transportistas trasladadas á empresa- á que tivo acceso o BNG. Neste sentido, Bará advertiu de que ademais do que isto supón en termos medioambientais, “representa un evidente risco para a integridade física das persoas”.
“Camións literalmente enriba dunha montaña de lixo inestable, condicións de iluminación totalmente deficientes, a pala traballando xustamente ao lado dos camións que están descargando, o que é ilegal”, enumerou, para recalcar a continuación que estamos ante “graves irregularidades que vostedes están permitindo e que poden dar lugar a unha desgraza”.
A esta situación, engadiu tamén os contratos de Sogama, adxudicados a un conglomerado de empresas con Valtalia e Copasa como eixos principais no control da xestión de Sogama. “E Copasa non é unha empresa calquera, ten vínculos directos co PP”, en referencia ás conexións atopadas nas investigacións xudiciais en curso sobre o financiamento ilegal do PP. Nesta liña tamén cuestionou que a mesma empresa que xestiona as plantas de transferencia empacadoras é a mesma que xestiona o transporte por estrada á planta, “con camións que van con sobrepeso o que, ademais dunha fraude manifesta, supón un serio risco para a integridade dos transportistas e, de feito, xa houbo accidentes por esta cuestión”.
O portavoz parlamentario de Medio Ambiente advertiu ademais de que “Sogama non é ningún modelo” como pretende facer ver o PP, senón un grande aparato de propaganda. “A realidade é que por moito que vostedes queiran vender Sogama circular, Sogama verde, Sogama sustentábel, é todo o contrario, porque se basea en tratamentos lineais e finalistas e o 86% dos residuos que van a Sogama van a tratamentos que están na xerarquía de residuos no último lugar, como son a incineración e o vertedoiro”, reprobou con severidade.
Bará recriminou ao Goberno do PP estar incumprindo a normativa europea, a lei estatal, o Plan Estatal Marco de Residuos (PERMAR) e mesmo o propio plan galego de xestión de residuos sólidos urbanos, xa que a planta non se adapta á xerarquía de residuos e, ademais, non cumpre os principios que tamén están en toda a lexislación europea, estatal e galega de proximidade e de autosuficiencia, que, segundo subliñou, deberían ser criterios reitores de toda a xestión.
O portavoz de Medio Ambiente convidou ao Executivo galego a “cambiar o rumbo” e buscar un gran acordo arredor do tratamento de residuos que permita camiñar cara un proceso de evolución e transformación que sitúe á Galiza á cabeza neste ámbito de actuación, tal e como están Valencia, Navarra, Cataluña ou Euskadi, “que si están cerca de cumprir as esixencias da UE en materia de reciclaxe, por exemplo, e non coma nós, que estamos a anos luz, no 15% e grazas a outras experiencias, e non a Sogama que senón estaríamos aínda máis abaixo”, concluíu.