O BNG esixe medidas urxentes contra a precariedade laboral da mocidade galega
A parlamentaria asegurou que os datos relativos á situación laboral das persoas mozas deixa “unha imaxe devastadora” cunha perda de emprego alarmante entre os menores de 35 anos. Entre os 18 e 35 anos, explicou Prado, o emprego asalariado descendeu un 30%, 142.000 persoas e entre os traballadores/as con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos os seus salarios descenderon un 21,4%, 1.783 euros/ano menos.
No caso dos traballadores e traballadoras de entre 26 e 35 anos o descenso do salario medio anual foi do 7,3%, 1.112 euros/ano menos e até os 25 anos “os asalariados/as galegos acadaron uns ingresos inferiores ó SMI”. Por outra parte, 302.233 persoas traballadoras menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego.
Ante esta situación preguntou que iniciativas ten tomado o Goberno galego para impedir a precariedade laboral da mocidade galega e como valora as actuacións das ETTs.
Prado tamén asegurou que o aumento do desemprego aumentou cinco veces máis que no resto do estado e con contratos de “moi mala calidade. A recuperación económica, recalcou, “non chega á poboación” que tivo ademais que asumir de maneira moi negativa as diferentes reformas laborais.
A mocidade, reiterou a nacionalista, é o segmento máis prexudicado cunha caída do emprego dun 7,67% nos últimos anos e a perda de poboación activa en Galiza continúa pola mesma deriva e cebándose na mocidade.
Tras a resposta da secretaria xeral de Emprego, a deputada do BNG criticou a xestión do Partido popular durante os últimos dez anos na creación de emprego e reiterou que unha mocidade “sen traballo estable e digno” non pode garantir o futuro de Galiza