A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama á Comisión Europea “información clara” sobre as novidades relacionadas co procedemento de infracción aberto contra o Estado español en xaneiro de 2019 sobre o accidente do Alvia e así o traslada nunha pregunta presentada a través da coalición europea da que forma parte o Bloque no Parlamento Europeo. “Dous anos é tempo máis que suficiente para poñer en marcha o plan de acción correspondente por parte do Estado español e non buscar escusas pero tamén hora de que a Comisión facilite a información pertinente”, salienta Miranda.
Neste sentido, a portavoz do Bloque na Eurocámara móstrase moi crítica coa última resposta ofrecida pola Comisión e “agradece que non volva enviar unha resposta tipo”, senón que proporcione “información clara sobre os elementos novos da aplicación do plan de acción que debe implementar o Goberno español e o prazo do procedemento de infracción”.
Na súa resposta, a Comisión sinalaba que mantén “un estreito contacto coas autoridades españolas para abordar as preocupacións planteadas na carta de emprazamento e relacionadas coa correcta execución da Directiva 2004/49/CE de seguridade ferroviaria”. Porén, para Ana Miranda, “non é de recibo que oito anos despois do accidente as vítimas sigan esperando a que realice unha investigación independente, tal e como esixe a Directiva”.
“Hai xa ano e medio que se produciu o cambio de Comisaria de Transportes, houbo apercibimentos ao Estado español e ampliación dos prazos até a constitución do novo goberno. No BNG pensamos que xa é hora de respostas claras e de feitos concretos que cumpran a normativa europea de seguridade ferroviaria”, subliña Miranda, quen asegura que seguirá a dispor das vítimas na súa busca da verdade e a xustiza e para levalas a Bruxelas “as veces que faga falta”.
Non máis despropósitos
“Igual que consideramos un despropósito o peche do xuízo do Alvia e a destrución do tren que sufriu o accidente, autorizado por RENFE, é impresentable que o cargo de Adif imputado se escude nunha norma publicada en 2020 para eludir as súas responsabilidades na morte de 80 persoas e 140 feridos”, apunta Ana Miranda, quen rexeita que as vítimas do accidente teñan que soportar estas actuacións indecentes.
Ana Miranda considera que pasados dous anos da apertura do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprir a normativa comunitaria de seguridade ferroviaria “é un despropósito que non estea xa elaborada unha investigación independente do accidente”. “Que teñen que agochar PP e PSOE?”, pregúntase a ao respecto, quen lembra que a CIAF non cumpriu a súa obriga de investigar o accidente. “Desde o BNG seguiremos presionando para que esta información se leve a cabo”, subliña a portavoz do Bloque en Europa.