O BNG esixe que Igualdade actúe e anule os concertos aos colexios que segregan por sexos

Carme Adán cualifica de tomadura de pelo as declaracións de Jesús Vázquez sobre a aplicación gradual da mesma

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, presentou hoxe en rolda de prensa unha proposición non de lei para que o departamento que ostenta as competencias en materia de Igualdade, a Secretaría xeral de Igualdade dependente da Vicepresidencia, actúe de xeito inmediato para que se cumpra a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e se anulen os concertos aos centros que segregan nenos e nenas dada a discriminación sexista que supón.

Adán cualificou de “tomadura de pelo” as declaración de Jesús Vázquez nas que afirma que a sentenza se cumprirá de xeito gradual. Para o BNG, a Consellaría de Educación publicou esta orde en pleno mes de agosto, no inicio dunha ponte e coa intención de que pase desapercibida ao conxunto da sociedade galega o incumprimento da sentenza do TSXG que no mes de marzo anulaba os concertos que a Consellaría de Educación que mantiña cos cinco colexios relixiosos que segregan o alumnado por razóns de sexo. O alto tribunal galego fixo valer a vixente Lei Orgánica de Educación para invalidar o financiamento público de prazas nos centros Las Acacias, Montecastelo e Aloya, en Vigo, e en Montespiño e Peñarredonda, na Coruña.

Adán lembrou que “esta supresión dos concertos xa fora decidida polo Goberno bipartito e ao retornar o PP ao goberno galego faltoulle tempo para decidir devolvérllelos. O feito de que non se asuma agora unha sentenza que deixa claro que a actual lei de educación, a LOE, prohibe taxativamente a discriminación do alumado por sexo e aposta por outorgarlle prioridade aos centros educativos que practiquen a "coeducación" implica un desprezo das políticas de igualdade”. Por isto, o BNG reclama que a Secretaria xeral de Igualdade ou o Vicepresidente da que ela depende organicamente rachen o seu silencio absoluto e expliquen se consideran que desde o principio de igualdade e de coeducación pode desoírse esta sentenza.

Como xa sinalou o BNG no seu momento, subir un 40% as taxas dos comedores escolares, eliminar profesora ou unidades educativas e ao mesmo tempo empeñarse con firmeza en manter 3 millóns de euros en concertos con centros segregacionistas mostra a vontade deste goberno e é absolutamente inadmisíbel.