O BNG esixe de Feijóo unha explicación sobre as declaracións machistas do alcalde de Noia (PP)
- Olalla Rodil pregúntalle ao presidente galego se o seu “feminismo sen etiquetas” é compatible cos chistes pexorativos sobre a muller do rexedor
O BNG demanda que o presidente da Xunta dea explicacións sobre as declaracións machistas proferidas polo alcalde popular de Noia, Santiago Freire, que con motivo da celebración do 8 de Marzo se despachou cunha batería de pretendidos chistes e comentarios vexatorios para todas as mulleres.
Expresións como “a muller é capaz de tocar as narices sen acercarse”, “a muller é capaz de dar a luz sen corrente” ou “son moitas as dificultades fisiolóxicas que ten a muller con respecto ao home que en ocasións fai que ese traballo que teñen que facer de forza física se lle complique” foron utilizadas polo rexedor nun acto oficial de conmemoración do Día internacional da muller no concello de Noia.
A portavoz parlamentaria de Igualdade, Olalla Rodil, interpela ao presidente da Xunta para preguntar a Feijóo “se o seu feminismo sen etiquetas do que presume é compatible cos chistes pexorativos sobre as mulleres proferidos polo rexedor noiés nada menos que durante un acto oficial de celebración do 8 de Marzo”, case ao mesmo tempo que Feijóo defendía na sesión de control da Cámara o compromiso do PP na loita contra a desigualdade.
Rodil salienta que as institucións así como os e as responsables públicas “cumpren un papel fundamental á hora de camiñar cara a igualdade real e de poñer en valor o papel da muller na sociedade”, por iso, argumenta na iniciativa parlamentaria rexistrada hoxe, “cabe agardar e é esixible o máximo rigor na utilización da linguaxe non sexista así como un discurso de respecto con todas as mulleres, do que quedan moi lonxe os comentarios machistas do alcalde de Noia”.