O BNG esixe a Feijóo o acordo con Pemex

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Fernando Branco Parga, esixe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que faga público o acordo asinado no pasado mes de Maio con Pemex para a contratación de buques nos asteleiros galegos.

Branco Parga lembra que dende o anuncio de Feijóo na Cámara galega só hai “declaracións de intencións” por parte da Xunta, mentres nos medios de comunicación mexicanos aparecen distintas informacións nas que se fala de que os buques se van construir en México.

Prudencia e transparencia

O deputado nacionalista advirte da preocupación que está xerando tanto confusión entre unhas declaracións e outras, polo que considera que é necesaria “prudencia” e “transparencia” por parte do goberno galego.

Prudencia para non dar por feito uns contratos que pode que non se materialicen, frustrando as espectativas do sector ante unha posíbel saída á situación de crise que atravesan, e transparencia porque é obriga do executivo cumprir co regulamento da Cámara e entregar a documentación do acordo con Pemex, tal e como lle solicitou formalmente o BNG.