O BNG esixe a dimisión dos concelleiros procesados en Santiago de Compostela

Concello de Santiago de Compostela

Para Francisco Jorquera, Feijóo debe tomar medidas ou será cómplice dunha situación contraria ao que recomenda o Código ético do Partido popular

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, manifestou hoxe, en sede parlamentar, que o procesamento dos sete edís do Partido popular no Concello de Santiago de Compostela esixe “unha resposta inmediata do Presidente da Xunta”.

Por outra parte, Jorquera reclamou “a inmediata dimisión dos edís procesados” e pediu a Feijóo que demostre que “ten principios” porque o acontecido cos edís en Santiago é “a punta do iceberg” dos escándalos de “presunta corrupción” que afectan ao concello e tanto o BNG, como o conxunto da sociedade esixe “tolerancia cero” ante a corrupción.

Para o deputado, antes había unha Xunta de Goberno imputada e agora, tras a decisión da Audiencia, “hai unha Xunta de Goberno procesada” polo tanto, Feijoo debe escoller entre esta situación ou ser o seu “cómplice” .

Jorquera tamén lembrou que o propio Feijoo no Parlamento galego, afirmou que “todo cargo público imputado ou que se lle abrise xuízo oral, debía dimitir”, como establece o Código ético do seu partido.

Feijóo debe aclarar, polo tanto, se ten principios ou ten os de Groucho Marx famoso pola frase “teño uns principios pero se non che gustan teño outros”, concluíu.