O BNG esixe da Xunta un maior compromiso na retirada dos símbolos franquistas das igrexas
Luís Bará reclama que se cumpran os acordos parlamentarios e que a Igrexa non siga poñendo trabas para a retirada de placas e símbolos franquistas como os que figuran na fachada da igrexa de Cangas
O deputado do BNG, Luís Bará volveu reclamar hoxe no Parlamento galego retirar os símbolos franquistas das fachadas das igrexas e pediu “un maior compromiso da Xunta” para facer efectiva esta medida.
O deputado insistiu en que, a estas alturas, moitos dos símbolos xa non deberían figurar nas parecedes das igrexas e de maneira especial na igrexa de Santiago de Cangas, como establece o acordo parlamentario do 3 de outubro do ano 2017. Neste sentido, preguntou ao secretario de Cultura, Jesús Oitavén, cales foron as xestións realizadas pola Xunta coa Igrexa?
Trala resposta do responsable de cultura, o deputado criticou que o goberno só mantivera dúas xuntanzas coa Igrexa e non concluíra ningún compromiso “ en firme” para retirar, de maneira efectiva, os símbolos. Constatamos, dixo, que non existe “ningún resultado práctico das demandas”. Para o nacionalista, esta circunstancia súmase á postura do Partido popular de non respectar a “memoria das vítimas do franquismo” como levan feito, explicou coa “asfixia do proxecto Nomes e Voces, a Illa de San Simón impedindo convertela na illa da memoria, ou cando non moven un papel nin un só euro para lograr a identificación e exhumación das vítimas desaparecidas”.
Bará aludiu ás reunións da comisión Mixta coa Igrexa e a proposta á FEGAPM buscando a colaboración dos concellos pero que mudou, criticou, a pesar dos instrumentos cos que conta o Goberno galego para facer cumprir os acordos parlamentarios. Dende o BNG, “reclamamos a retirada dos símbolos franquistas” e pedimos á Xunta que comine á Igrexa a que colabore e non persista na actitude como a do represente da Igrexa en Cangas, moi contraria do concello disposto “a colaborar economicamente”, asegurou.
O “único obstáculo para a retirada dos símbolos, é a Igrexa Católica”, e a Xunta ten “mecanismos para romper esa resistencia”, remarcou o nacionalista. A Igrexa católica debe romper con ese pasado “vergoñento” e para iso debe facer desaparecer das pareces esa “ignominia” como o texto e símbolo na fachada da igrexa de Santiago de Cangas, “unha ofensa para as vítimas do franquismo, para a democracia e para a propia confesión relixiosa”.
Bará concluíu a súa intervención pedindo ao Partido popular que abandone a “historiografía franquista” cando se refire aos dos dous bandos ou guerra fratricida. En realidade, afirmou “ non houbo dous bandos equiparables, houbo un sector golpista que atentou contra un sistema lexitimo e democrático”.