O BNG esixe cubículos pechados para a UCI de adultos do Clínico de Santiago e solucións laborais para o seu persoal
O BNG levou ao Parlamento galego as “graves deficiencias estruturais” que sofre a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de adultos do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e que, segundo denunciou a deputada Iria Carreira, consta dunha gran sala aberta con unicamente dous cubículos pechados e o resto son 13 camas de doentes colocadas a un lado e outro do espazo, sen outra separación entre si máis ca unha cortiniña.
Carreira explicou que esta situación, “fóra destes dous cubículos anecdóticos”, provoca que calquera paciente que porte a COVID19 (con ou sen síntomas) converte automaticamente a unidade nunha UCI sucia, co evidente risco de contaxio para doentes e profesionais. “Isto supón ademais que o persoal clínico se vexa obrigado a traballar durante toa a súa quenda laboral cun equipo de protección individual posto”, recalcou.
A esta situación, a deputada nacionalista engadiu “as condicións precarias nas que se atopan as e os profesionais”, cunhas ratios de persoal establecidas que non se respectan dado que, segundo explicou, “quítase persoal da UCI para cubrir outras áreas ou non se repón o persoal ausente”. “Ante isto, a alternativa que reciben en moitas ocasións é unha escolla entre asumir máis carga de traballo ou que quen sae da quenda anterior prolongue a súa xornada laboral”, subliñou.
Neste sentido advertiu que esta escolla implica necesariamente, no primeiro caso, un maior risco para as e os pacientes, e no segundo, que xs profesionais teñan que supeditar o seu tempo libre á mala xestión sanitaria. “Non atenden ademais á posibilidade de que o persoal que se move entre unidades poida ser vector de transmisión da infección -alertou- porque non existen a día de hoxe criterios claros para estas rotacións entre unidades denominadas sucias e limpas”.
Nunha pregunta formulada ante o Pleno da Cámara, Carreira criticou que todas estas reivindicacións xa están recollidas nun acordo coa xerencia da área sanitaria do 18 de xuño e que incluía un compromiso para corrixilas e ter unha UCI con cubículos pechados para o final do verán. “Estamos no medio do outono e todo segue igual”, concluíu.