Parlamento Galego

O BNG esixe un convenio colectivo para o persoal investigador das Fundacións Biomédicas galegas antes de que remate o ano

PLAGTIS
A deputada Montserrat Prado pide o reinicio inmediato das negociacións para dotar ao colectivo de estabilidade e condicións laborais dignas

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de demandar á Xunta a convocatoria inmediata da mesa de negociación do convenio colectivo das Fundacións Biomédicas de investigación sanitaria. O Bloque reclama ao Goberno galego que antes de rematar 2020 se teñan pechado os termos do convenio, “no que deben contemplarse categorías profesionais ben establecidas, carreira investigadora, condicións laborais dignas, estabilidade e estabilización e condicións retributivas que parta como mínimo da proposta que realizan os comités de empresa” das distintas fundacións.

Representantes da Plataforma Galega de Traballadorxs de Investigación Sanitaria de Galiza (PLAGTIS) –conformada polos comités da Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela– trasladaron ao grupo parlamentario do BNG a situación laboral que padece o colectivo e que, segundo explica a deputada Montserrat Prado, atinxe a máis de 500 traballadores e traballadoras que “a día de hoxe non teñen unha norma propia que regule nin as súas condicións laborais, nin as súas obrigas profesionais”.

“Non teñen táboas salariais mínimas, nin estabilidade laboral”, subliña Prado, quen advirte que esta situación impide un correcto desenvolvemento da carreira investigadora, a dignificación das condicións laborais actuais e “pon en perigo a captación do talento que non se retén pola falta de interese da Consellería de Sanidade”.

A deputada nacionalista alerta sobre o nivel de precariedade que sofre o colectivo e que provoca que haxa investigadores e investigadoras que “levan traballando máis de 20 anos con contratos temporais” e, neste sentido, demanda o reinicio inmediato das negociacións, paralizadas este verán debido ás vacacións e pola coincidencia coa conformación do Executivo galego tras as eleccións ao Parlamento Galego de xullo.

Prado –que tamén pide a designación para a negociación dunha ou dun representante da Consellería de Sanidade con capacidade de decisión– subliña que “os comités de empresa están agardando desde xuño a que se convoque a mesa de negociación”, na que xa se pecharan cinco capítulos completos, pero na que “quedaran pendentes temas de máxima relevancia como son a estabilidade laboral, o réxime retributivo e que o ámbito de aplicación sexa aberto á totalidade das persoas contratadas a través das fundacións”.

A deputada por Pontevedra conclúe reprochando ao Goberno do PP que mentres a Consellería de Sanidade se gaba do alto valor da investigación científica no país e dos beneficios que isto reporta para os avances da medicina e a súa aplicación clínica, “condena ás e aos profesionais altamente cualificados e especializados a unhas condicións de inestabilidade e precariedade”.