O BNG esixe a comparecencia urxente de Rueda no Parlamento polo caso da muller falecida en Sanxenxo que non dispuxo de ambulancia
Pontón reclama ao presidente da Xunta que dea explicacións do acontecido e da situación de “caos sanitario” no que se atopa Galiza e que presente solucións.
“O PP estase convertendo nun problema para a saúde dos galegos e das galegas e hai que frear este deterioro que vive o noso sistema sanitario”, advirte
O BNG rexistrou no Parlamento galego unha solicitude de comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que dea explicacións ante o falecemento dunha paciente en Baltar (Sanxenxo) que non puido contar coa ambulancia solicitada pola súa familia.
En declaracións realizadas durante unha visita a distintas zonas afectadas da Serra do Barbanza polos incendios, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, asegurou que a denuncia presentada contra a Xunta “non pode pasar como se non fora algo grave”, xa que, segundo subliñou, “estamos ante un novo caso no que se denuncia que a falta de medios para poder atender a unha persoa que estaba enferma tivo drásticas consecuencias e cremos que a Xunta debe dar explicacións porque é responsabilidade do Goberno galego dar a cara”.
Pontón amosou a fonda preocupación do BNG pola situación do sistema sanitario público galego e recordou que “levamos 13 anos vendo como o PP demole a sanidade pública deste País con recortes e con privatizacións”. “Hai que dicilo con toda claridade e rotundidade: o PP estase convertendo nun problema para a saúde dos galegos e das galegas e hai que frear este deterioro que vive o noso sistema sanitario”, alertou.
A líder nacionalista advertiu que “o que temos neste momento é un caos na sanidade pública que provoca que unha persoa que pide unha ambulancia non a teña”. “Non sabemos cal sería o desenlace desa vida se esa ambulancia estivera aí, pero esa familia merece ter respostas e a obriga do Goberno galego non é botar balóns fóra, senón dar a cara e asumir as súas responsabilidades”, reflexionou.
Logo de trasladar as condolencias do Bloque aos e ás familiares da falecida, Pontón incidiu en que “teñen dereito a saber que pasou” e, nesta liña, considerou necesario abrir “unha investigación que depure as responsabilidades que poida haber”. “Rueda ten que dar explicacións no Parlamento, primeiro a esa familia, pero tamén ten que dar explicacións sobre o caos sanitario que hai nestes momentos en Galiza”, recalcou.
A portavoz nacional recordou neste sentido que hai persoas que durante todo o mes de agosto non teñen posibilidade de acudir ao seu médico ou médica de cabeceira. “Sabemos que hai unhas listas de espera que son inasumibles nunha sanidade pública do século XXI e sabemos que se levan anos producindo unha precariedade e un desmantelamento que está provocando que as e os profesionais da sanidade galega fuxan deste País”, afondou.
Neste contexto situou tamén a urxencia de que o presidente da Xunta compareza no Parlamento tamén “para dicirnos que alternativas vai poñer sobre a mesa para acabar co caos sanitario, para acabar con esta desfeita sanitaria que está provocando o PP”.
“Porque claro que hai alternativas”, afirmou, para recordar a continuación as que o BNG está a poñer sobre a mesa, como un plan de mellora da Atención Primaria dotado de 200 millóns que permita contratar máis profesionais, acabar coa precariedade e incluír máis especialidades, cuestión esta última que considerou fundamental á hora de desconxestionar a actual situación de colapso na atención sanitaria. A este plan sumou a necesidade de rematar coa precariedade que viven as e os profesionais, polo que avogou por convocar todas as prazas que hai vacantes actualmente no Sergas.
“Hai que facer unha defensa a ultranza da sanidade pública porque os recortes e as privatizacións do PP o que están e poñendo en risco a saúde dos galegos e das galegas e isto non o podemos permitir baixo ningunha circunstancia”, concluíu.