O BNG esixe ao Sergas que actúe en Povisa e vele pola súa calidade asistencial e polas condicións laborais do seu persoal
“A Xunta non pode eludir as súas responsabilidades”, advertiu a deputada Montserrat Prado no Parlamento galego para esixir ao Sergas que actúe como garante da calidade da atención sanitaria da poboación adscrita ao hospital vigués de POVISA e vele polo mantemento dos postos de traballo e polos dereitos laborais das e dos seus profesionais.
Ante a grave situación laboral na que se atopa o cadro de persoal e a súa incidencia sobre a calidade asistencial, a portavoz nacionalista de Sanidade defendeu unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno galego a que obrigue á multinacional Centene Corporación -propietaria dende hai case un ano do complexo hospitalario- a atender ás persoas usuarias que ten asignadas con rateos de calidade e de profesionais equiparables como mínimo á media dos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
De igual xeito, reclamou á Xunta que realice unha auditoría das contas e da xestión do centro no relativo ao concerto asinado co Sergas -que ascende a 80 millóns anuais- no que se detalle, entre outras cuestións, información desagregada do gasto que destina a atender a doentes do ámbito público e privado e os rateos de profesionais-doentes, profesionais por servizos e planta, situación laboral do cadro de profesionais, mobilidade horaria, número de contratos con redución de xornada por categoría profesional.
“Deses 80 millóns convén saber cantos se destinan realmente á atención pública ou cantos van á atención privada”, cuestionou para engadir que, ademais, “con cartos públicos non se pode permitir unha situación laboral como a que se está dando”, en referencia ás graves deficiencias nas condicións laborais denunciadas en reiteradas ocasións polos traballadores e traballadoras e que se ven agravadas agora pola pandemia. “Falta de persoal, de protocolos para a prevención de contaxios e de EPIs”, alertou.
Prado subliñou que o caso de Povisa -que conta con 1.400 profesionais e presta servizo a 135.000 persoas da área sanitaria de Vigo- non é o dun centro sanitario privado sen máis, senón o dun hospital que recibe arredor do 40% da totalidade da actividade sanitaria que o Sergas concerta con entidades privadas. “Polo tanto, o que acontece neste centro ten que ser fiscalizado polo Servicio Galego de Saúde”, demandou para a continuación recriminar ao Executivo galego que actúe “como comercial” dunha multinacional que se dedica á súa vez a “comerciar coa saúde”.
Nesta liña, propuxo a creación dunha comisión de control e seguimento do concerto con presenza de representantes das e dos traballadores, para os e as que pediu tamén a reanudación da negociación colectiva (logo de 11 anos con convenio conxelado). A iniciativa nacionalista, que foi vetada polo PP, tamén inclúe o cumprimento dos protocolos establecidos fronte á COVID19 para persoal traballador e doentes, a petición da actuación da Inspección de Traballo ante as denuncias presentadas e que a Xunta manteña a reunión solicitada dende hai máis dun mes polas e polos representantes sindicais.