BNG esixe ao PP cumprir o acordo unánime do Parlamento para que o Estado recoñeza o coeficiente redutor de xubilación do persoal de Gardacostas e Pesca de Baixura
O BNG emprazou ao Goberno do PP a cumprir a decisión unánime da Cámara para instar ao goberno central a recoñecer o coeficiente redutor de xubilación do persoal traballador do servizo de Gardacostas e de Pesca de Baixura, así como a inclusión do colectivos dos e das Gardacostas no Réxime Especial do Mar.
“O Goberno do PP presume de nomes pero non actúa”, denunciou a portavoz de Pesca, Rosana Pérez, en alusión a unha Consellería do Mar da cal “non coñecemos que actuacións levou a cabo”. Mais si coñecemos a resposta do Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do goberno central, que emprazaba á Xunta a presentar un estudo onde se corroborase a sinistralidade, perigosidade, riscos e incidencia en procesos de incapacidade temporal que conlevan traballos como o do Servizo de Gardacostas para poder xustificar a a súa inserción no Réxime Especial dos Traballadores do Mar.
“Hai moito tempo que vimos solicitando á Xunta que faga as xestións necesarias para que o servizo de gardacostas e os Mostradores do Mar se beneficien do coeficiente redutor da idade de xubilación”, recriminou a deputada do BNG á bancada Popular, á que tivo que lembrar o acordo unánime acadado na Cámara para que o Goberno do PP instara ao Estado a incluír ao persoal traballador do servizo de Gardacostas no citado Réxime Especial. Ademais, este acordo unánime incluía a inserción nesta mesma clasificación do persoal da Unidade Técnica de Pesca de Baixura, e a petición para este gremio do beneficio do coeficiente redutor da idade de xubilación.
“Temos este tema parado dende hai anos, malia ter un acordo xa tomado”, criticou Pérez sobre unha mala xestión do Goberno do PP que tampouco deu a coñecer se na futura Lei estatal de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira presentou consideración algunha respecto da integración deste persoal no Réxime Especial dos Traballadores do Mar, e sobre se sería posible a aplicación dos mencionados coeficientes redutores da idade de xubilación.
A portavoz de Pesca emprazou ao PP a cumprir non só o acordo unánime da Cámara galega, senón tamén a recorrer a resolución do ISM e demandar a inclusión dos e das Gardacostas e da UTPB no Réxime Especial. Ademais, demandoulle comezar os estudos requiridos polo ISM para xustificar mediante o informe requirido a aplicación nestes dous eidos de traballo dos coeficientes redutores para a idade de xubilación.