O BNG esixe ao Goberno que explique que fallou no asasinato machista do CHUO

O BNG rexeita enerxicamente o novo asasinato dunha muller acoitelada pola súa parella no CHUO cando se recuperaba dunha anterior agresión proferida a principios do mes de abril por presunta violencia machista

O BNG quere amosar a súa máis enérxica repulsa contra o asasinato por violencia machista dunha muller que se recuperaba no Centro Hospitalario de Ourense das lesións por coiteladas recibidas no seu domicilio a principios do mes de abril, presuntamente a mans da súa parella.

O BNG esixe a comparecencia urxente do Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda para que explique que foi o que fallou para que unha muller ingresada no CHUO para recuperarse das lesións por coiteladas recibidas no seu domicilio no mes de abril, resulte acoitelada e asasinada pola súa parella cando existían indicios previos de violencia de xénero.

A deputada de Política de Igualdade do BNG, Carme Adán preguntará ao Vicepresidente que medidas de seguridade foron postas en marcha para garantir a seguridade desta muller que se recuperaba en planta tras permanecer varios días na UCI e  que hoxe, lamenta a deputada, aumenta a lista de mulleres asasinadas por violencia machista.

O BNG pide a comparecencia urxente de Rueda e unha explicación do Goberno sobre o acontecido no Centro Hospitalario de Ourense.