O BNG esixe ao goberno celeridade ante a UE para resolver o tax lease

As deputadas do BNG presentaron unha iniciativa parlamentar no Congreso debido “á preocupante situación pola que está a atravesar o sector naval galego, en situación de bloqueo e sen poder pechar contratos de construcción de buques”

As deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e Rosana Pérez, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara para esixirlle ao Goberno accións imediatas ante o Comisario Europeo da Competencia, o Señor Almunia, para que “dunha vez resolva o expediente aberto ao estado español pola aplicación do anterior Tax Lease ao sector naval”.

As parlamentares do BNG inquiren “urxencia por parte do Goberno debido á preocupante situación pola que está a atravesar o noso sector naval, que ve como cada vez perden máis cartos porque nen armadores nen empresas se atraven a contratar a construcción de buques mentras non se resolva o expediente anterior, debido á situación de incertidume que se xenera”.

Un Goberno que “só sabe esperar”

Davila e Pérez critican a actitude do Goberno Rajoy que “simplesmente permanece á espera, mentras o tempo corre en contra dos intereses do sector naval xa que este estado de bloqueo no que se atopan na práctica, esta a beneficiar a outros estados da UE como Holanda, ou terceiros paises como China ou Corea do Sul que están acaparando a maioría dos contratos”.

“Deste trámite, sinalan, dependen miles de postos de traballo na Galiza e noutras partes do Estado como Asturias e o País Vasco”. Reprochan ao Executivo que “non se estea tomando en serio este problema nen está a actuar coa firmeza coa que debería ante a UE, deixando totalmente desprotexido ao sector naval que non pode pechar contratos”.

As deputadas do BNG dirixen ao Executivo unha serie de preguntas: “Urxiu o Goberno ao Comisario Europeo da Competencia para que resolva xa o expediente sobre o anterior Tax Lease? Cal é o grao de compromiso do Goberno en relación a este problema?

“É consciente o Goberno de que canto máis tempo pasa maiores son as perdas de negocio para os estaleiros? Non considera que hai que imprimir un maior ritmo a este grave problema porque están en xogo miles de postos de traballo", preguntan.