BNG esixe ao conselleiro de Sanidade que mude as medidas “de telexornal” por unha xestión real con persoal e recursos
A deputada Montse Prado reclamoulle ao conselleiro de Sanidade que abandone “a xestión de aparencia e as medidas de telexornal” por unha xestión real e inmediata con máis persoal, materiais e recursos e que se inclúan nos orzamentos do ano que vén para darlle solución ao “gravísimo problema da sanidade pública”. Recriminoulle ademais que, neste “contexto alarmante” tardase tres meses e cinco plenos en comparecer no Parlamento.
“Sen tempo non era”, comezou a súa intervención a responsable de Sanidade do BNG, quen ironizou coa comparecencia ‘por vontade propia’ de Antonio Gómez Caamaño cando “a situación da sanidade é un dos máximos problemas que teñen os galegos e as galegas”.
“Vostede non pode vir aquí dicirlle aos galegos e galegas que a sanidade vai ben”, dixo, advertindo que a sociedade galega “non pode estar tranquila cando hai listas de espera, cando os enfermos oncolóxicos non chegan a tempo e tardan en facérselle as probas” ou cando reciben quimioterapia e “teñen que marchar para a casa un día si e outro tamén”, en alusión ao que está a pasar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e polo que o BNG xa ten presentado varias iniciativas no Parlamento.
“Vostede non é un outsider , alguén que pasaba por aquí e decidiu ser conselleiro, vostede vén seguir o proxecto e as políticas do Partido Popular, non empeza hoxe. Vostede cre que pode vir aquí, quince anos despois, coa poboación mobilizada, cos profesionais ao límite, a dicir “que o está estudiando” e que vai facer un plan de recursos humanos para dentro dun ano?, recriminou.
Prado fixo referencia ao informe anual do sistema de saúde, publicado polo Ministerio, para advertir que “Galiza segue estando á cola en Atención Primaria, cun 11,79% de investimento, fronte ao 14,17% da media do Estado, case 2 puntos e medio de diferenza”. Denunciou, ademais, que desde 2009 pecharon o 33% dos consultorios locais de Atención Primaria, e que “dos que oficialmente non están pechados, a práctica totalidade non contan con actividade desde 2020”.
No caso do servizo de Pediatría, 201 concellos están agora mesmo sen ningún facultativo, en medio dun verán no que “van pechar polo menos 810 camas, máis que ningún ano, nos hospitais públicos”, remarco Prado, que neste sentido subliñou ademais que Galiza conta en xeral con 2,95 camas en funcionamento por cada mil habitantes, unha cifra que chegaba ao 3,7 a principios do 2000.
Un recorte que, salientou, contrasta coa cifra de camas de hospitais privados financiadas con fondos públicos. Segundo apuntou, o “o 74,3% das camas da privada están financiadas pola Administración galega”, taxa só superada por Madrid (81,2%), Andalucía (77,8%) e Catalunya (78%).
A deputada nacionalista aproveitou a comparecencia do conselleira para denunciar tamén a “precariedade, abuso laboral e temporalidade como práctica constante” no Sergas e, a modo de exemplo, sinalou que “o 50 % do persoal de enfermería ou medicina de familia é temporal”.
Denunciou así que “ano tras ano quedan prazas MIR de familia e comunitaria que ninguén quere”, como sucedu na última convocatoria (42) ou na anterior (39). Até o ano 2021, agregou, non se ofertaron todas as prazas que estaban habilitadas para familia e comunitaria, “a pesares de que a falta de profesionais era un clamor”, criticou.
Fixo alusión aos moitos concellos galegos que se están mobilizando pola súa situación sanitaria e animou ao conselleiro a facer “unha ruta e preguntarlles por que teñen problemas”. A deputada nacionalista púxolle algún exemplo: urxencias extrahospitalarias, a falta de ambulancias ou o servizo de helicópteros “que tiñan que estar traballando 16 horas e só traballan 12 porque vostedes llo consenten á empresa e deixan desprotexida a poboación galega durante catro horas cando é moi necesaria esa atención”.
Entre as medidas que reclama BNG para abordar os problemas de saúde dos galegos e das galegas, está, ademais de aumentar o orzamento real “para estar na media do Estado, con 200 millóns de euros”, e elaborar o plan de ordenación de recursos humanos, a “transparencia coas listas de espera” para incorporar os profesionais precisos en atención primaria axudando así a non colapsar o sistema.
Outra das reclamacións do BNG é a de rematar coa política de “precariedade e explotación” na contratación, con contratos dignos que eviten a fuga de profesionais cara á privada ou ao estranxeiro. Neste punto, avogou así mesmo pola posta en marcha dun plan de retorno e captación destes profesionais.
O BNG pide tamén, entre outras medidas, a incorporación á Carteira de Servizos de Atención Primaria de categorías imprescindíbeis para a prestación dunha atención integral e descolapsar así as listas de espera, con persoal de psicoloxía, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos ou ópticos-optometristas.
Montse Prado reprochoulle ao conselleiro que “a prioridade non pode ser gañar o relato a calquera prezo, aínda que este sexa fraudulento, nin pestar centrado na espiral mediática no lugar de poñer cuestións reais enriba da mesa” en resposta aos anuncios de medidas futuras que o Gómez Caamaño enumerou na súa intervención.
“Non é suficiente con reclamar máis prazas, se as e os profesionais no teñen condicións laborais dignas, se non se prestixia a Atención Primaria e se non se establecen os criterios para que as ratios permitan unha atención de calidade”, advertiu. Recoñeceu que “o Goberno español ten responsabilidade por non ter eliminado a taxa de reposición, mais as competencias que ten a Xunta de Galiza permítenlle levar a cabo actuacións que mellorarían e moito a situación”.