O BNG esixe os 258 millóns de euros que perdeu Galiza tras ser excluída dos plans carbón
“Galiza ten que entrar en todos os fondos destinados á descarbonización”, reclama Presas, “temos dereito a unha transición enerxética xusta, o mesmo dereitos que noutros territorios”
Urxe a creación dunha mesa de traballo que busque alternativas para As Pontes e comarca tras o peche de ENDESA
A petición formal de ENDESA ante o Goberno do Estado para pechar a planta das Pontes non fai máis que confirmar a crise do sector industrial de Galiza, “que está costa abaixo e sen freos”, en palabras da portavoz parlamentaria de industria, Noa Presas, e contra a que nada valen “as roldas de prensa absolutorias ou os powerpoints sen contidos do goberno de Feixóo”.
Por contra, o BNG reclama unha actuación inmediata que teña como obxectivo conseguir unha transición enerxética xusta para As Pontes e comarca. A pregunta de “tras o peche de ENDESA que?”, Presas resposta poñendo sobre a mesa propostas concretas ante un PP-PSOE “que até agora non fixeron máis que xogar ao pim-pam-pum con Galiza”.
En primeiro lugar e de xeito inmediato garantir que Galiza entra en todos os fondos destinado á descarbonización, “absolutamente en todos”, empezando por compensar a este país pola exclusión dos chamados plans carbón.
Unha exclusión do plan 2013-2018 que supoño deixar de ingresar un mínimo de 200 millóns de euros aos que hai que sumar a cifra de 58millóns de euros derivaba de actuacións vinculadas ao plan 2006-2011 que estaban previstas nas Pontes pero que o Goberno de Raxoi cancelou ou recortou. A día de hoxe, Galiza segue fora das axudas previstas á descarbonización no plan 2018-2027.
“No Bloque entendemos que Galiza te os mesmos dereitos que Asturias, Castela-León ou outros territorios que ao longo destes anos si tiveron compensacións con cargo a eses plans e teñen hoxe fondos económicos. Polo tanto, está é a primeira proposta do BNG: igualdade de recursos para conseguir esa transición enerxética xusta”.
En segundo lugar, un plan de transición enerxético propio que debe presentar de inmediato o Goberno galego. “A Xunta non pode inhibirse, ten que presentar ese plan e así o imos reclamar no Parlamento, un plan que debe incluír recursos económicos propios ademais de esixir fondos doutras administracións, pero sen esquecer que tamén é competencia da Xunta a planificación enerxética e industrial”, explica Presas.
E, como terceira proposta, arrancar o 2020 coa conformación dunha mesa de traballo para buscar alternativas de futuro para As Pontes e comarca con todas as partes implicadas. “Unha mesa de traballo no territorio da que teñen que saír medidas concretas”, recalcou a portavoz parlamentaria de industria.
“Igualdade de recursos para Galiza, premura na actuación coa participación de todos os interesados, xa que a decisión do peche parece inevitable, e folla de ruta propia do Goberno galego porque As Pontes non é a única central do país e porque o deseño enerxético do futuro ten que contar co orzamento propio e debe pasar polo Parlamento para obter o consenso da Cámara”, sintetizou.
De forma inmediata hai que compensar a Galiza polos fondos deixados de percibir ao longo destes anos de exclusión do plans estatais do carbón, unha cantidade mínima de 258 millóns de euros. “Igualdade de recursos en todos os fondos, tanto do Estado como a nivel europeo a través do programa European Green Deal, como xa reclamou o Bloque en Bruxelas a través da portavoz europea Ana Miranda”, salientou Presas.
“Galiza ten que ter unha parte de todos os fondos en igualdade de condicións que Asturias ou Castela-León. Non pedimos máis pero tampouco aceptamos menos”, concluíu.