O BNG eríxese en Vigo como única “alternativa útil” para defender Galiza en Madrid e xerar emprego aproveitando as potencialidades do país
Representantes nacionalistas avogaron hoxe por unha tarifa eléctrica galega reuníronse hoxe coas ‘cabezas’ dos principais sindicatos vigueses
Só un aumento da capacidade de decisión dos galegos e galegas permitirá saír da situación da precariedade laboral actual na que vive o país. Así o manifestou hoxe o número dous da lista nacionalista ás eleccións xerais, o vigués Xesús López, quen afirmou que o BNG é a única forza política que defenderá en Madrid os intereses galegos e apostará pola xeración de emprego de calidade aproveitando as potencialidades do país.
Nun encontro coas cabezas dos principais sindicatos da cidade olívica (CIG, UXT e CC OO), López subliñou que o voto ao BNG terá valor duplo, xa que levará as necesidades concretas de Galiza ao Congreso, e esixirá cos seus deputados a derrogación da contrarreforma laboral e das leis antisociais e antidemocráticas vixentes que foron aprobadas polo PP e que permaneceron despois co goberno do PSOE e o apoio de Podemos e En Marea.
López asegurou que a reunión cos sindicatos foi unha posta en común e valoración e consecuencias que no mundo laboral está a ter a crise do modelo neoliberal e a crise económica, que se ve influenciada tamén pola crise do modelo territorial do estado. “Ambas cousas xuntas crean unha situación de precariedade laboral e redución drástica do estado do benestar, dunha ampliación enorme da bolsa de pobreza e mesmo da dificultade para cubrir necesidades básicas de alimentación, de ensino e vivenda”, indicou.
Ante esa diagnose, ámbalas tres forzas sindicais presentaron ao BNG as súas propostas para reverter as profundas desigualdades existentes, que foron escoitadas e recollidas. O número 2 da candidatura nacionalista asegurou que a coincidencia nos elementos fundamentais foi case plena, mais subliñou que dende o punto de vista do BNG a solución máis clara pasa polo aumento da capacidade de decisión dos galegos e galegas sobre as políticas que se poñen en marcha en Galiza.
“Cremos que é fundamental que galegos e galegas teñamos representación na vindeira lexislatura nas Cortes do Estado en Madrid, onde os dous elementos fundamentais sobre os que vai xirar a política son a crise económica e o modelo territorial é fundamental. O BNG é unha voz firme en defensa dos intereses de galegas e galegos, a única alternativa útil para solucionar os problemas do país”, subliñou.
Unha tarifa eléctrica galega, fundamental para a automoción
Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas manifestou que a situación laboral da comarca de Vigo e especialmente da cidade son un exemplo clamoroso do efecto letal das reformas laborais impostas polo Partido Popular e que o executivo de Pedro Sánchez co apoio de Podemos-En Marea non quixo derrogar".
Pérez Igrexas cualificou as 24 mil persoas sen emprego en Vigo de cifra “insoportábel” e lembrou que son 9.400 postos menos que hai dez anos debido á "desertización produtiva" que padece a comarca. Ante isto, comprometeu que o retorno do Bloque ao Congreso servirá para "defender o desenvolvemento produtivo de Vigo e a súa área" para "crear emprego digno e estábel”.
Entre as propostas do BNG plantexou a creación dunha tarifa eléctrica galega, que defendeu como "vital para unha industria electrointesiva como a automoción", a posta en marcha do centro de reparación naval na Ría de Vigo para revitalizar un sector "en coma", ou a aposta decidida por facer de Vigo a capital galega da innovación, a tecnoloxía e as comunicacións. Aliás, o candidato nacionalista puxo en valor o traballo realizado durante 20 anos polo BNG no Congreso demandando investimento que permita desenvolver a mellora de infraestruturas básicas para a cidade, desde o ferrocarril, o porto ou Peinador.
No encontro entre os reprensentantes do BNG e os sindicatos estiveron pola parte sindicalista o secretario comarcal de CIG Alberto Gonçalves, o secretario de organización de CIG, e Anxo Igrexas; a secretaria xeral e representantes de CC OO, Amelia Pérez, Paco Carrera e Fernando Armendáriz; e o secretario xeral en Vigo de UXT, Ernesto González.