BNG eríxese como o garante para resolver o colapso e a precariedade da sanidade pública

Noa Presas e Bernardo Varela

Bernardo Varela denuncia a grave situación que atravesa a sanidade galega, froito das políticas do PP, e avanza o rexistro dunha moción na cámara provincial para o seu debate e votación

Noa Presas: “O 18F temos a oportunidade de decidir que modelo de sanidade queremos: se un goberno do BNG que poña a sanidade pública como prioridade ou o continuísmo do PP que seguirá estrangulándoa”

Ante a grave situación de colapso e precariedade da sanidade pública, tanto na atención hospitalaria e nas urxencias como na Atención Primaria, o BNG rexistra para o seu debate e votación unha moción na Deputación do Ourense en favor da sanidade pública. Así mesmo, ven no 18F unha oportunidade histórica para reverter o colapso sanitario cun goberno galego liderado polo BNG que sitúe a sanidade pública como unha prioridade.

O voceiro do BNG na Deputación de Ourense explicou que a moción demandará o apoio da institución ante as demandas da cidadanía ourensá en materia sanitaria. “Denunciamos diante da Xunta de Galiza a vulneración de dereitos que sofren as e os ourensáns por teren a maior lista de agarda de toda Galiza” especifica Bernardo Varela.

”A Xunta de Galiza debe pór en marcha o Plan de Mellora de Atención Primaria para resolver de inmediato as carencias existentes. Porque este Plan xa existe, só debe pólo en funcionamento” aclara Varela mentres enumera os problemas de pediatría nos centros de saúde do Carballiño, Xinzo ou na reposición dos centros de saúde do Macizo Central e A Mezquita, entre outros.

Así mesmo, demandará o apoio do pleno da Deputación de Ourense para reclamar ao Goberno Galego e ao estatal un aumento e apertura de prazas en Medicina, así como o incremento das prazas MIR. “Neste punto quizais atopemos o apoio do Partido Popular na súa campaña en contra do Goberno do Estado mais quizais non lembran que esta situación se produce polos gobernos de M. Rajoy” ironiza o voceiro provincial do BNG.

 

Colapso sanitario e Rueda sen comparecer nin solucionar o problema

“Aínda non chegamos ao pico máis álxido da gripe e a situación é de colapso sanitario. O problema non é o aumento da incidencia das patoloxías respiratorias, recorrente nesta época do ano, o problema é que non se tomaron medidas para adiantarse e reforzar os equipos” denuncia a deputada do BNG. Presas sinala que o problema é que os centros sanitarios xa teñen de por si falta de persoal, “como acontece nas urxencias do CHUO e veñen reclamando as e os profesionais desde hai tres anos, con mobilizacións constantes e queixas dos propios colexios profesionais”.

Ante isto, “non é aceptable que a resposta do Goberno sexa instar á xente a que quede na casa, a que se autodiagnostique, a que decida cal é a gravidade da súa patoloxía ou a automedicarse e apelar o sentidiño”. Desde o BNG insistimos en que o Presidente da Xunta “non pode parapetarse na convocatoria electoral para evadir as súas responsabilidades”.

Noa Presas lembrou que a pasada semana o BNG solicitou a comparecencia urxente de Rueda no Parlamento pola grave situación de colapso sanitario que se vive en Galiza.

“Sanidade pública na UCI”: o legado do PP na Xunta

O deterioro da sanidade pública galega, lembran, é froito das políticas levadas a cabo polo Partido Popular tras 14 anos no goberno da Xunta de Galiza. “Galiza é a penúltima do Estado en investimento en Atención Primaria, só por detrás de Madrid, o 11.8% fronte á unha media do 14.2%” apuntan. Así mesmo, entre 2009 e 2024 recortáronse máis de 2.000 M€ na Atención primaria

Goberno galego liderado polo BNG: sanidade pública como prioridade

“O próximo 18F as e os ourensáns podemos decidir que goberno queremos, se un goberno de cambio liderado polo BNG que poña a recuperación da sanidade pública como prioridade ou o continuísmo do PP, que seguirá estrangulándoa” sinala a representante da Executiva do BNG.

Presas avanza o compromiso da organización nacionalista para cumprir coas infraestruturas pendentes de Ourense -como a construción de novos centros de saúde do Vinteún, Mariñamansa e A Rúa-, así como o fortalecemento dos hospitais comarcais, por certo, “rematando coa recente discriminación da Xunta do PP que volveu deixar sen ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA) á comarca de Valdeorras”.