O BNG encara XVI Asemblea Nacional coa aspiración de ser casa común do nacionalismo
- Haberá novos estatutos, revisión dos principios ideolóxicos de Riazor e unha folla de ruta a cinco anos denominada Estratexia Avanza Galiza
O BNG presentou un avance das teses políticas que debaterá na Asemblea Nacional do 25 e 26 de marzo, unha vez que sexan aprobadas polo Consello Nacional do vindeiro 18 de febreiro e, de aí, pasen a unha última rolda de debate por parte das bases nas asembleas locais.
Será a XVI AN que o Bloque encara, en palabras do secretario de Comunicación, Rubén Cela, “coa aspiración de que o BNG sega a ser a casa común do nacionalismo galego” e proseguir a senda da recuperación social e electoral iniciada tras as eleccións do 25S. Neste sentido, fixo referencia ás novas incorporacións, colectivas como a da FOGA, e individuais, máis de 800 persoas desde os comicios galegos, dos que o 40% teñen menos de 25 anos.
“Temos sempre a man tendida a todas as persoas que compartan que Galiza é unha nación que ten dereito a decidir o seu futuro”, salientou Cela, quen fixo fincapé en que as teses políticas que chegarán a AN non son convencionais, nin na forma, nin no fondo.
“É o resultado dun debate interno, -Proceso Adiante-, que se prolongou durante un ano ca participación de 1.800 persoas, 600 non militantes, que nos permitiu compilar nun único documento as inquedanzas e as propostas das bases para facer do BNG unha ferramenta social máis eficaz”, explicou Cela. “Un proceso inédito que fan destas as teses máis traballadas, participativas e debatidas da historia do Bloque”, recalcou.
En canto ao fondo, as teses políticas supoñen unha actualización das análises do contexto estatal, mundial e da situación de Galiza, unha actualización tamén no organizativo, que inclúe uns novos estatutos, -“carta de dereitos e deberes da militancia”-, e unha actualización dos principios políticos do BNG desde a súa fundación na Asemblea de Riazor de 1982.
“Reafirmamos estes principios e incorporamos unha serie de cuestións que formaban parte da nosa praxe política pero que non foran engadidos a ese relatorio fundacional, como pode ser a aposta por unha economía sustentable, o laicismo, ou a defensa dos servizos públicos e sociais”, indicou Cela. En definitiva, actualización no plano político, organizativo e de estratexia.
Movemento socio político
A responsable de Organización, Goretti Sanmartín, quixo destacar que o BNG pasa a definirse como “un movemento socio político” que vai máis aló dunha organización partidaria e destacou que, en consonancia con esa definición, as teses políticas incorporan unha folla de ruta a media prazo baixo a denominación de Estratexia Avanza Galiza a desenvolver no período 2017-2020.
Entre os obxectivos desa folla de ruta, avanzar cara a soberanía de Galiza superando o actual status quo, acadar unha autonomía fiscal e financeira plena cun concerto económico, banca e facenda galegas, competencias exclusivas na xestión de infraestruturas como AP9, portos ou aeroportos e constituír un poder xudicial propio.
Comisión de garantías
A XVI AN quere reforzar ao BNG como ferramenta útil na defensa de Galiza e, para iso, vaise dotarse de novos instrumentos. Entre eles, os xa mencionados estatutos renovados, “que serán os máis avanzados de todo o Estado en materia de transparencia e participación, de recoñecemento da pluralidade interna e información total á militancia”.
Os novos estatutos inclúen tamén unha Comisión de Garantías cuxo papel transcende o de ser arbitro de conflitos para velar polo cumprimento dos acordos da Asemblea Nacional. Reforzar o papel de Galiza Nova, da militancia emigrada así como a posibilidade de convocar referendos entre as bases para tomar decisións sobre cuestións de país, outros aspectos dos novos estatutos.
Sanmartín tamén salientou que se reforzará a participación da figura dos e das simpatizantes dando continuidade ás asembleas abertas. Ademais, haberá unha aposta pola Rede de Concellos Nacionalistas, “entendo por tales aqueles que están facendo políticas transformadoras en clave de país”, e un relanzamento da Fundación Galiza Sempre como centro de estudos, análise e formación nacionalista.