BNG encara a segunda sesión de investidura cun proxecto de País fronte a un candidato “que non ilusiona nin aos seus”
Ante a segunda sesión do debate de investidura, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón defenderá unha batería de propostas urxentes para rescatar os sectores sociais e económicos máis afectados polo incrementos dos prezos.
Rodil afirmou, que o BNG encara a segunda sesión de investidura “cun proxecto de País fronte a un candidato que non ilusiona nin as seus”.
Para a nacionalista, onte o candidato do PP ofreceu un discurso “plano, gris, xenérico, burocrático e desganado”. Un discurso dun “candidato e un goberno do Partido Popular sen ideas, sen nada que ofrecer e sen o máis mínimo entusiasmo”, recalcou.
A viceportavoz do BNG criticou a Alfonso Rueda pola falta de compromiso e propostas para impedir que os sectores máis vulnerables da poboación caian na exclusión social ante o brutal incremento do coste da vida. “Non deu ningunha certeza á mocidade nin medidas para modernizar e transformar a economía galega”. Ningunha propostas tampouco para construír unha sociedade máis xusta, máis equitativa, máis democrática para as mulleres”. O discurso estivo trufado de vaguidades pero sen compromiso real coa sociedade.
Ningunha proposta para enfrontar a crise climática e ir a un modelo produtivo máis sustentábel no ambiental pero tamén no social e no económico. O único que ofreceu Rueda, explicou Rodil foron máis prazas en campamentos e tres vacinas infantís. O que vimos onte foi o mellor reflexo, e a viva imaxe, de que o Partido Popular representa o pasado e cun proxecto esgotado para Galiza.
“Un proxecto sen impulso, sen propostas, sen ideas, un proxecto sen liderado; que está facendo perder oportunidades a este país”, reiterou.
No contexto actual, foi un discurso sen ansia de grandes mudanzas, de grandes transformacións porque o “PP está co freo de man botado” e vai “van elixir un presidente que non lles gusta nin a eles”.
O BNG defenderá propostas contra a crise económica, social e medioambiental
Contra o que vimos onte, o BNG, engadiu a nacionalista, presentará propostas e centraremos a segunda sesión deste debate de investidura cun discurso no que Ana Pontón trasladará un “proxecto de País que está en marcha”. Fóra deste parlamento, dixo a deputada, “ hai milleiros de galegas e galegos esperando que se abra un tempo novo e cun goberno que faga valer os intereses de Galiza.
Aí fóra, enfatizou, hai milleiros de persoas “con ideas, talento e propostas para sacar adiante Galiza, para pensala ao grande, sen conformismo e aproveitando as enormes potencialidades e recursos que temos”.
Fronte ao proxecto esgotado do Partido Popular, está “o proxecto de futuro do BNG de Ana Pontón”.
Fronte á Galiza en pequeno que nos deixa o Partido Popular; propoñemos unha Galiza en grande que poña o talento, a riqueza e os recursos deste país ao servizo das galegas e galegos polo que defenderemos: medidas urxentes para rescatar os sectores sociais e económicos máis afectados polo incremento dos presos e un conxunto de propostas para modernizar e transformar Galiza, para melloras as condicións de vida das galegas e galegos, as de hoxe e as que han vir.
“Propostas para mellorar os servizos públicos, poñendo no centro das prioridades as persoas e o dereito a unha vida digna”, teñas a idade que teñas, vivas soa ou acompañada; no centro da cidade ou na aldea máis remota. Propostas para ampliar e “reforzar o autogoberno galego” como ferramenta para despregar políticas útiles que resolvan os problemas da xente deste país e fagan valer os intereses das galegas e dos galegos. Propostas para que Galiza enfronte grandes retos como a emerxencia climática ou para garantir os “dereitos fundamentais da metade da poboación que somos as mulleres e que aínda se nos negan hoxe”.
Desde o BNG imos propor ás galegas e galegos o que non fixo o Partido Popular: “un proxecto de futuro e un liderado claro”.
Desde a humildade, coma sempre, pero con toda a confianza nas galegas e galegos, e co convencemento de que este país pode dar moito máis de si, “entre todas e todos podemos construílo", concluíu.