O BNG encara as Galegas co obxectivo posto na reconstrución económica e social de Galiza
Pontón considera que na Galiza post-COVID19 “é imprescindible un cambio galego”
Insiste en que Feixóo xoga con lume: “oxalá non teñamos que lamentar esta decisión, de todo o corazón o digo”, declara a líder nacionalista
Espera que o candidato do PP non pretenda “amordazar” ás forzas políticas tras levar dous meses en campaña cunha TVG convertida na súa canle de propaganda
A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu en que votar o 12 de Xullo en pleno estado de alarma e nun proceso imprevisible de desescalada é unha temeridade, pero unha vez tomada a decisión o BNG vai traballar desde o minuto cero para conseguir que a cita coas urnas traia “o cambio galego” que o país precisa para a reconstrución económica e social, que será a folla de ruta da proposta nacionalista.
“É unha temeridade e oxalá non haxa que lamentar esta decisión, de todo corazón o digo, pero a proba de que Feixóo está xogando con lume é que o propio decreto de convocatoria poder prever unha nova cancelación dando por feito a posibilidade dun reponte da pandemia que podería ter consecuencias moi graves porque o nivel de inmunidade da poboación galega fronte ao virus é mínimo, como sinalan os estudos epidemiolóxicos”, explica a líder do Bloque.
En todo caso, a decisión está tomada, “e ante este feito que non podemos cambiar só nos queda desexar, insisto, que non teñamos que lamentar esta decisión polo ben de todos e de todas”. A partir de agora, -avanzou-, o BNG vai traballar para trasladar á sociedade galega as súas alternativas. “A folla de ruta do BNG é clara: a reconstrución económica e social de Galiza para sacar adiante a este país ante a crise brutal que nos afecta de cheo e que puxo patas arriba a vida dos galegos e das galegas”, argumentou.
Neste novo contexto, recalcou Pontón, o cambio é aínda máis perentorio. “Se antes era necesario, despois da COVID19 é imprescindible un cambio galego que permita poñer en marcha todo o potencial e toda a capacidade de Galiza, que aposte por unir este país en base a un gran acordo para a reconstrución económica e social”, explicou Pontón.
A alternativa do BNG, adiantou, vai ter entre os seus grandes eixos: a saúde, emprego digno e o benestar social, “e imos concentrar todos os nosos esforzos en explicar as propostas do Bloque para fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade, para a reactivación da economía en aras de recuperar os miles de empregos que están en risco, e imos explicar o noso modelo en materia de benestar social e os coidados sociais con especial atención á defensa do dereito a unha vellez digna”.
O traballo de cara a cita electoral vai estar centrado nas cuestións que hoxe preocupan á maioría social porque afectan directamente ao seu cada día.
“O que hoxe preocupa aos galegos e as galegas e como van pagar as facturas, como van chegar a fin de mes, como van facer para conciliar vida laboral e familiar; temos a xente nova desesperanzada; os sectores produtivos en crise; ao comercio local, hostalería e turismo preguntándose polo seu futuro; ou ao colectivo de 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia que non saben que vai pasar ao día seguinte. Son cuestións todas que centrarán o traballo do BNG para as próximas semanas”, recalcou.
Debates electorais nos medios públicos
En relación á duración da campaña, Pontón indicou que hai que ter en conta o contexto pero iso non debe impedir trasladar á cidadanía as propostas, as alternativas e o modelo de país que cada forza política ofrece. “Espero que Feixóo non pretenda amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dun xeito tan descarado aos medios públicos de comunicación en particular a TVG”, salientou a dirixente nacionalista.
Se tomamos como referencia o estado de alarma, explicou, desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feixóo acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura.
“Confío en que non pretenda furtar á cidadanía o dereito ao debate sobre o que nos xogamos nesta convocatoria electoral, que non intente amordazar ao resto de forzas políticas e que non pretenda facer crer que quere unha campaña curta cando leva facendo campaña electoral desde o momento en que se declarou o estado de alarma”, afondou Pontón, tras salientar que neste contexto o papel dos medios públicos é especialmente relevante para trasladar o debate e a pluralidade política.
A rebufo de Urkullu
“É necesario que os medios públicos xoguen un papel diferente, que non sexan unha canle de propaganda do PP senón que lle permitan aos galegos e as galegas acceder ás propostas e alternativas que temos as forzas políticas que concorremos a este proceso electoral”, indicou, por iso, o BNG propón cando menos dous debates na TVG en horario de máxima audiencia entre os candidatos e candidatas á Presidencia.
“Vai ser unha campaña nA que os debates xoguen un papel máis importante por razóns obvias e no BNG estamos dispostas a ir a cantos debates se nos convoque porque é un dereito que teñen os galegos e as galegas para coñecer cales son as propostas das persoas que aspiramos a presidir Galiza, vernos debatendo e contrastando as nosas alternativas”.
Pontón lamentou a falta de diálogo de Feixóo que confirma até que punto está instalado no seu “absolutismo” e criticou que, de novo, sexa o lehendakari Urkullu que volva fixar a data electoral mentres que o xefe do Executivo galego se limita a “ir a rebufo”.