O BNG emprenderá unha ofensiva política e social para defender a frota galega en Mauritania

O Bloque Nacionalista Galego emprenderá unha ofensiva política en toda regra para que se abra un novo proceso negociador e a frota galega non fique expulsada de Mauritania.

Así o anunciou o voceiro de Pesca nacionalista, Bieito Lobeira, nunha rolda de prensa na que presentou tanto as medidas que o BNG vai adoptar no plano institucional, a través dunha proposición non de lei, como no social, iniciando esta mesma semana contactos con todos os sectores afectados para convocar mobilizacións.

Lobeira advertiu de que o acordo de pesca con Mauritania, que remata mañá, é un dos acordos internacionais máis importantes para a frota galega, “de tal xeito que a expulsión dos nosos cefalopodeiros desas augas vai implicar máis desemprego, menos capacidade produtiva e máis miseria, nomeadamente nas comarcas do Morrazo e Vigo”.

Negociacións fraudulentas

O deputado nacionalista asegurou que a responsabilidade de que finalmente non fora posíbel a renovación do acordo non é de Mauritania senón da “submisión” do goberno do Estado e da Xunta á Unión Europea, que dende o principio das negociacións “xa vendera, a prezo de saldo, a frota galega”.

O proceso negociador foi unha farsa, a UE xa partía da expulsión de Galiza e leva anos nun proceso paulatino de facela desaparecer desas augas

Neste sentido, Lobeira cualificou de “farsa” e de “fraude” todo o proceso negociador e lembrou que o interese da UE pola expulsión de Galiza desas augas vén de lonxe, pois dende que se asinou o acordo que expira mañá, en Xullo de 2006, os 39 buques que faenaban xa se viron reducidos a 24.

A UE, explicou o deputado, introduciu de forma unilateral unha serie de medidas restrictivas para paulatinamente ir sustituindo a frota galega por frotas doutos Países, como a holandesa, ou doutras comunidades, como a andaluza ou a canaria.

“Asemade, en resposta á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, Bruxelas recoñeceu que emprendía as negociacións para renovar o acordo con Mauritania dende a perspectiva de cota cero de cefalópodos, é dicir, partía xa da exclusión de Galiza”, engadiu Lobeira.

Para o parlamentar, non é de recibo que ante esta posición política tan “inxusta” e “fóra da realidade”, da que o BNG xa advertiu en distintas ocasións, nin o goberno español nin o de Núñez Feijóo adoptaran ningunha medida.

“Confírmase que para a Xunta a frota galega non existe e que para o señor Rajoy o único que preocupa é a selección española e os intereses de Respol YPF en Arxentina”.

Presidente cobarde

Bieito Lobeira alertou de que se non se defende esta frota non hai alternativa, ou Mauritania ou o despece, polo que pediu ao “presidente viaxeiro”, en alusión a Núñez Feijóo, que vaia a Bruxelas e esixa que se abra un novo proceso negociador, “aínda que non temos moita confianza en que o faga porque é un presidente cobarde e preguiceiro”.

A iniciativa rexistrada polos nacionalistas, que o deputado agarda corra mellor sorte que unha proposición non de lei anterior que nunca chegou a cumprirse, insta ao goberno galego a rexeitar o novo acordo con Mauritania e obrigrar así á Comisión Europea a reiniciar o proceso negociador, que inclúa reunións específica cos deputados galegos no Parlamento Europeo.

Asemade, emprázase á Xunta a iniciar conversas con Mauritania e a que demande do Estado español a articulación de medidas compensatorias para os tripulantes e casas armadoras afectados pola expulsión desas augas mentres non se restrablece o acordo.