BNG empraza á Xunta a atender as demandas das persoas usuarias dos buses que conectan Ferrolterra e As Mariñas coa Coruña
O BNG reclamou na Cámara a mellora da calidade do servizo de autobús entre as comarcas de Ferrolterra e As Mariñas coa Coruña, servizo sometido á precarización e o incumprimento do contrato de concesión, segundo denuncian as persoas usuarias.
O portavoz de Mobilidade, Paulo Ríos, criticou “as queixas polo mal funcionamento deste servizo mentres o Goberno do PP foi aplicando parches a tempo parcial” e que, de feito, “menos da metade dos autobuses que circulan non cumpren coa calidade ambiental, non se cumpre nin na metade do groso dos vehículos”, recriminou. Neste sentido, reprobou a “precarización e devaluación de calidade” nun servizo que debera ser revisado e protexido pola Xunta.
“Non se teñen en conta aos usuarios e usuarias”, denunciou Ríos, xa que levan avisando dos numerosos atrasos, vehículos que non pasan polos itinerarios marcados, servizos que se deixan de facer intermitentemente e sen previo aviso, ademais de que moitos destes autobuses presentan “un mal estado”, denunciou. Uns incumprimentos do contrato de concesión que tamén mallan nos dereitos das traballadoras e traballadores no que ten que ver coas modalidades contractuais e nas condicións coas que operan.
O deputado do BNG criticou estes “incumprimentos” e a falta de compromiso da Xunta con estes usuarios e usuarias, polo que lle tivo que lembrar ao Executivo do PP que “é obriga das institucións públicas fomentar o uso do transporte colectivo en todos os eidos”. Debe ser a administración galega quen garanta que “quen faga uso deste servizo para ir ao traballo, as aulas ou atender calquera tipo de xestión debe ter a certeza de que pode usar o transporte público, que vai estar á súa hora, que vai ter prazas suficientes e que viaxa cunhas medidas de seguridade axeitadas”, argumentou.
É por iso que o BNG levou ao Parlamento unha proposta de compromiso da Xunta para dotar de calidade e eficacia a este servizo entre Ferrolterra e As Mariñas coa Coruña, compromiso que o Goberno do PP non quixo aceptar, co voto en contra dos Populares como resposta.