O BNG empraza o PP a exixirlle a dimisión ao alcalde de Baralla polas súas declaracións aberrantes
O Bloque Nacionalista Galego pregúntase a que espera o Partido Popular para exixirlle ao alcalde de Baralla a súa dimisión tras as aberrantes declaracións formuladas en defensa dos asasinatos a mans da represión franquista. O BNG empraza o PP e, concretamente, o seu presidente, Alberte Núñez Feijóo, a reprobar de inmediato o alcalde de Baralla e a formular unha condena explícita dos crimes cometidos polo franquismo.
Os nacionalistas critican a actitude irresponsábel de Feijóo por permitir e non censurar as máis que desafortunadas palabras de representantes políticos do PP que negan ou xustifican a represión fascista e que sementan a idea de ser lícito o levantamento militar contra un goberno elixido democraticamente.
Na mesma liña, o BNG considera un disparate e unha imprudencia por parte de Feijóo que días despois do Pleno municipal en que o alcalde realizou as ofensivas e humillantes declaracións aínda non exixira a súa dimisión.