O BNG empraza a Feijoo a que mova ficha para evitar o espolio do aforro galego

Ana Pontón nun reparto informativo na feira de Padrón

A portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, instou a Núñez Feijoo a que “abandone a súa pasividade cómplice e mova ficha para evitar que, coa reforma financeira anunciada polo goberno de Rajoy, se espolie a Madrid o aforro galego”.

Pontón valoraba así o anuncio do ministro Luís de Guindos de crear un Banco Público Estatal coas entidades estatalizadas, nucleado a partir de Bankia, e no que se disolvería tamén Novagalicia Banco.

A parlamentaria nacionalista participou esta mañá na feira de Padrón nun reparto informativo sobre as medidas alternativas que propón o BNG para saír da crise.

“Despois de tres anos de austeridade con Feijoo, o resultado é un fracaso”

Neste sentido, denunciou que “despois de tres anos de políticas de austeridade constátase o seu fracaso, moito máis en Galiza, onde os resultados das políticas de Feijoo son máis paro, que se destrúa máis emprego que na media do estado, recesión e que se teña producido un incremento moi forte das desigualdades sociais”.

Na mesma liña, Ana Pontón afirmou que “hoxe é un día para escandalizarse, pois vimos de coñecer que o Estado vaille entregar a Bankia máis de 23.000 millóns de euros de fondos públicos”. “Unha entidade -lembrou- que foi xestionada baixo a tutela de Esperanza Aguirre e do señor Rato despois, e o que deixan detrás de si é un auténtico desastre e un burato que agora pretenden que financiemos con fondos públicos”.

O BNG oponse a que se socialicen as perdas da banca

E para a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG “dende logo cremos que esa non é a vía” e subliñou que “os recursos públicos deben utilizarse para xerar emprego e benestar e manter os servizos públicos, pero non para socializar as perdas da banca”.

“Os recursos públicos non se poden utilizar para socializar as perdas da banca”

Silencio cómplice de Feijoo ante o espolio do aforro galego

Igualmente, Ana Pontón afirmou que “no BNG preocúpanos tamén moito cal vai ser o futuro de Novagalicia Banco, xa que o futuro deseñado por Rajoy e o PP é que o noso aforro pase a formar parte do gran banco público nucleado por Bankia”. Unha perspectiva que advertiu “suporá un espolio para Galiza e a perda de instrumentos para poder facerlle fronte á crise”.

Neste momento a alternativa que defende o BNG é que os fondos que ten o FROB -o Estado- en Novagalicia Banco se transfiran á Xunta para que podamos ter un instrumento financeiro propio.

A este respeito, a portavoz do Grupo Parlamentar do BNG denunciou que “o grave é que ante esta situación o señor Feijoo non presenta ningunha iniciativa, mantén unha pasividade cómplice con este deseño”. Por iso, afirmou que “o BNG emprázao a que mova ficha porque cremos que o que non se pode tolerar é que se espolie o aforro dos galegos e das galegas”.

http://youtu.be/IejS-E1cUWQ