BNG empraza á Consellería de Sanidade a mellorar as condicións laborais e asistenciais do Hospital Abente Y Lago na Coruña
O BNG demandou á Consellería de Sanidade a mellora das condicións laborais e asistenciais do Hospital Abente y Lago da Coruña, que a día de hoxe adoece de falta de persoal TCAE e celador e o uso de material obsoleto, denunciou a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas.
A deputada coruñesa explicou a importancia deste centro hospitalario “cuxa existencia hoxe é grazas a un movemento veciñal que apostou pola sanidade pública”, determinou. Un hospital hoxe “indispensable” para a atención ás persoas maiores e con enfermidades crónicas con pluripatoloxías e altamente dependentes.
Queixas reprobou a María Comesaña Álvarez, directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, “o seu descoñecemento respecto da realidade deste hospital”, sinalou, en referencia á situación “de cadro de persoal escaso, insuficiente e inestábel e un elevado índice de persoal temporal e renovación constante”. A esta problemática engádeselle a situación dunha unidade de cirurxía con falta de persoal “que representa a peor ratio na comparativa co resto do País”, situacións que quedaron sen resposta por parte da Xerencia, “que nin escoita nin recibe”, criticou.
Unhas circunstancias “de inestabilidade” que tamén abranguen aos espazos e aos usos do hospital, “cuxo material sanitario data da súa inauguración, do ano 2001, tamén con material desbotado doutros centros”, reprobou. De feito, este centro hospitalario recibiu denuncias na inspección de traballo ao incumprir a normativa de riscos laborais por deficiencias na estrutura do edificio “coa caída de ventás, pladur, desconchados e humidades”, denunciou a deputada coruñesa.
Queixas quixo aproveitar a súa intervención para criticar “o desleixo” da Consellería de Sanidade fronte “casos como os das padiolas defectuosas na área de reanimación ou na unidade de dor, que non permiten o bloqueo con problemas de freado, teñen os mandos avariados ou, incluso, unha saturación dos espazos ao introducir unha terceira cama, o que imposibilita actuacións como a grúa e provoca o levantamento das e dos pacientes a man, “con lesións músculo-esqueléticas xa notificadas do persoal médico”, apostillou.
“Cando as ventás caen, o Sergas manda unha circular prohibindo abrir as ventás, na unidade de cirurxía falta celador e non se fai nada, a dotación de persoal de enfermaría é a que ten o peor rateo”, denunciou a deputada nacionalista. Fronte a esta situación, demandou do Goberno do PP “máis dotación de persoal e mellora da calidade do servizo que facilite a atención ás persoas maiores e á cidadanía que acode a este hospital”, compromisos non aclarados por Comesaña Álvarez, que vencellou as problemáticas denunciadas por Queixas a “incidencias puntuais”.