parlamento galego

BNG empraza ao PP a saldar a súa débeda co libro en galego cun paquete de medidas que impulsen a lectura na nosa lingua

Mercedes Queixas
Queixas acusa ao Goberno da Xunta de incumprir a Lei de Bibliotecas de 2012 e meter nun caixón a do libro e a lectura aprobada no ano 2006

A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, emprazou este venres ao Goberno do PP a cumprir a débeda que mantén co sector do libro en galego a través dun paquete de medidas, a desenvolver na actual lexislatura,  encamiñadas a “reactivar o compromiso da Xunta con este sector económico e cultural fundamental”.

“O PP está en débeda co libro e a lectura en galego, unha débeda con intereses de quince anos deseñando unha política irrelevante, insignificante, distante e de exclusión do propio sector”, asegurou a deputada nacionalista durante a súa intervención na Comisión 4ª para defender unha proposición non de lei presentada precisamente co obxectivo de impulsar o sector e promover a lectura no noso idioma.

Queixas fixo alusión ao Estudo sobre os hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2023 para subliñar que de cada cen libros comprados só oito son en galego, un 8% que contrasta co case 19 % en éuscaro e o 34 % en catalán. “Débelles dar tanta vergoña que nin o recolleron nas conclusións do estudo”, afirmou a deputada respecto ao dato galego que, agregou, supón unha “emenda á totalidade” ás políticas da Xunta de promoción da lectura no idioma do País.

Un dato que pon ademais de relevancia a urxencia de que “se esta Consellería de Cultura quere ser tal, merece mudar o rumbo e comezar a cumprir a lei”, advertiu, logo de denunciar o incumprimento por parte do Goberno do PP tanto da Lei de Bibliotecas de 2012, “por falta de desenvolvemento”, como da Lei do Libro e da Lectura de 2006, “que meteron nun caixón e nunca máis”, negándose a aprobar o plan de fomento da lectura quen tiña que activarse seis meses despois.

Na ladaíña de incumprimentos do PP, a portavoz de Cultura do BNG referiuse tamén á Estratexia da Cultura Galega 21 ou ao Plan Xeración de Cultura 2023. “Cansaron de anuncialo e nunca viu a luz”, dixo Queixas, engadindo, no mesmo sentido, que “o anuncio do Plan de impulso do libro en 2023 non foi máis que lle pór un titular co que xuntar medidas que xa había”.

Ademais do incumprimento das leis aprobadas, Mercedes Queixas incluíu na carteira da débeda do PP co libro e a lectura en galego a falta de investimento, que “delata falta de confianza e exceso de vontade invisibilizadora do que é un dos vectores culturais máis representativos”. Subliñou, ao respecto, que en termos absolutos o orzamento de 2024 para o libro galego é apenas o 50 % do orzado en 2009, e que dentro da área de cultura, as políticas para o libro pasan do 3,92 en 2009 ao 2,69%.

A deputada nacionalista recriminou tamén ao PP, que votou en contra da proposta nacionalista, e ao Goberno de Rueda a falta de diálogo co sector do libro en galego, e destacou que “pensar hoxe o libro e a lectura en galego para os que han de vir é obxectivo e responsabilidade que nos toca”. De aí, engadiu, que o BNG reclamase mais unha vez unha política cultural “comprometida á altura da valía e recoñecemento do sector do libro en galego”.