BNG empraza ao Partido popular a considerar as propostas nacionalistas para saír da crise económica e social
Ante o debate do Estado da Nación que se celebrará a vindeira semana no Parlamento galego, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil emprazou ao Partido popular a considerar “as propostas nacionalistas para saír da crise” agravada pola pandemia.
Tras a reunión da Xunta de portavoces para elaborar a orde do debate, Rodil pediu ao Partido popular que “escoite as propostas e non as tire ao caixón do esquecemento”. Neste sentido, lembrou que nos últimos cinco debates da Nación, o BNG presentou 200 propostas das que 192 foron rexeitadas polo grupo popular.
A nacionalista avanzou que o BNG está a traballar nas propostas que presentará ao debate e que cualificou “dun dos máis importantes, xunto ao debate dos orzamentos” e nesta ocasión, recalcou adquire unha maior importancia por mor da situación económica e social tras unha pandemia que aínda continúa presente.
Dende o BNG, afirmou, enfocamos este debate en dous planos: unha radiografía ou diagnose da situación despois de 12 anos de goberno de Feixóo e o PP, e outro relativo á formulación das 40 propostas de resolución que podemos presentar cada grupo parlamentario.
Rodil anunciou que o BNG centrará as súas propostas en dar “unha resposta e solución” á situación económica, social así como aos “enormes retos” de futuro que se presentan. Son necesarias medidas urxentes para frear “o deterioro público” sobre todo na sanidade e na súa “clave de bóveda” a “Atención Primaria”. Dende o BNG, dixo, defendermos propostas para rescatar os servizos públicos, dar resposta a crise industrial nunha situación agónica antes da chegada da pandemia e que a COVID 19 aínda se agravou máis e tamén para encarar a “emerxencia climática e a transición ecolóxica e enerxética”.
A viceportavoz nacionalista outorgou unha grande importancia ao uso dos fondos Next Generation dos que dixo, “son fondos únicos e extraordinarios” para reconstruír a economía galega tras a pandemia.
Por outra banda, o BNG tamén defenderá distintas proposta en defensa “dos dereitos laborais das mulleres e a mocidade” nunha situación de “desemprego moi aguda en Galiza”.
Rodil apelou a que o Partido popular “non faga o de sempre” e dende o BNG “emprazamos e retamos ao PP a que non repitan o que levan facendo nos últimos 12 anos”. “O PP debe escoitar as propostas” e que non rematen todas as propostas do BNG “tiradas no caixón do lixo” como levan facendo durante os últimos cinco anos con cinco debates do Estado da Nación nos que o BNG formulou 200 propostas das que 192 foron rexeitadas polo Partido popular.
A vicerportavoz nacionalista rematou a súa intervención pedindo ao PP vontade para chegar a acordos que permitan a Galiza “tirar para adiante e saír da crise”.