BNG empraza ao Goberno do PP a sumarse a un Pacto Social pola Lectura que implique máis orzamento e apoio ao sector
O PP votou en contra da iniciativa do BNG para o impulso dun Pacto Social pola Lectura que dinamice o sector do libro en galego e que vaia aparellado a un aumento orzamentario para o sector e a creación, así mesmo, dun Instituto Rosalía de Castro que promocione o galego no eido internacional.
A proposta foi levada á Cámara por Mercedes Queixas, portavoz de Cultura, que denunciou “a falta de apoio” dun PP “que dedica tempo e orzamento para ir apagando a luz do cuarto propio do sistema literario galego”, criticou en referencia a aos orzamentos de 2023 para o libro galego “que aínda fican por debaixo da metade do comprometido en 2009”, denunciou. De feito, sinalou, do investido en 2009, 2.553.000 millóns, pasouse a 2.263.114 millóns en 2023, “na planificación orzamentaria da Xunta para a cultura, o libro recibe o 2,16 %, mentres que en 2009 era case o 4 %”, reprobou Queixas á bancada Popular.
Estes recortes que padece o sector cultural en Galiza “son a imaxe do abandono do sector editorial por parte do goberno do PP”, criticou a deputada nacionalista, que denunciou como “diminúe de 214.301 € a 46.717 € a partida correspondente a Edición do libro en galego cando en 2009 destinábanse 1,1 M€” .
O libro galego, apuntou Queixas, “recibirá moito menos que unha terceira parte do que se destinaba en 2009, e tamén menos que nos últimos exercicios, que desde 2019 van decaendo paulatinamente”, recriminou a un Goberno do PP “que desconfía deste sector tan representativo na creación cultural e que se traduce na falta dun proxecto político que conte coa participación dos axentes literarios”, apuntou.
Esta “desatención” vén corroborada para a deputada do Bloque o pasado sábado na entrega dos Premios Follas Novas, “perante a ausencia das máximas autoridades en materia cultural: Conselleiro e Director xeral de políticas culturais”, denunciou. Gravidade que se ve incrementada pola “incapacidade” da Consellería de Cultura para presentar “o tan anunciado Plan do libro e da lectura de Galiza que vén determinado pola Lei do libro e da lectura de Galiza desde 2007”, ademais da “incapacidade manifesta para desenvolver a lei de bibliotecas”, declarou, en alusión aos datos que amosan como Galiza hai 103 concellos sen aínda unha biblioteca pública.
Para a portavoz de Cultura é preciso “apostar por un sector estratéxico, como é o sector editorial, os sector do libro” que aumente “e non diminúa” as axudas de apoio á edición, á ilustración, á tradución e á dotación de novidades nos fondos para bibliotecas que eviten unha situación “que é tan grave que forzou ao sector editorial a abandonar o Consello Asesor do Libro”, reprobou aos Populares.
É por iso que o BNG volveu apostar “por un Pacto Social pola Lectura”, enxalzou Queixas, “para articular un plan transversal de fomento da lectura consonte a Lei do libro e da lectura de Galiza”. Esta medida iría acompañada “dun plan de impulso económico para o sector do libro que permita duplicar o investimento actual nos orzamentos da Xunta” que faga máis visible este sector dentro e fóra do País.
Neste punto a deputada do Bloque quixo facer especial fincapé na necesidade de aumentar a divulgación do libro galego nos medios públicos do País, nomeadamente a CRTVG, “esencial no seu carácter divulgador como medio de masas para que o libro chegue a máis públicos”.
Neste sentido, a portavoz de Cultura tamén incluíu dentro desta iniciativa do BNG a creación do Instituto Rosalía de Castro “para deseñar a difusión e proxección internacional da lingua, literatura e cultura galegas no exterior, porque a cultura é para o BNG un alicerce das políticas públicas como a educación ou a sanidade”, salientou. Propostas que se atoparon cos votos en contra dos Populares na Cámara, o que impediu hoxe a súa saída adiante.