O BNG emenda a totalidade dos orzamentos e propón modificacións fiscais para sumar 200 millóns de euros
Presas defende un modelo fiscal social e adaptado á Galiza do século XXI
Bará denuncia a utilización da lei de acompañamento para facilitar un pelotazo urbanístico en Mós
O BNG presenta unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos de 2019 que implica modificar o destino de mil millóns de euros, e anuncia unha batería de medidas impositivas para lograr un modelo fiscal máis xusto socialmente, que permitiría sumar 200 M€ as contas públicas do próximo ano.
“Pretendemos unha nova política fiscal que aportaría máis recursos para fortalecer os servizos públicos, dar un impulso á economía e adaptar o modelo fiscal á Galiza do século XXI, as novas necesidades e ao criterio de xustiza social”, explicou a portavoz de Economía, Noa Presas.
En relación aos cambios nos impostos, o Bloque propón unha “progresividade real” para o IRPF e o imposto de patrimonio e suprimir as modificacións regresivas introducidas polo PP no imposto de sucesións. Xunto coa proposta para estas figuras impositivas, o BNG pon sobre a mesa a creación de cinco novos tributos.
En concreto, un imposto ás grandes superficies comerciais que aportaría 30M€, un imposto ás bebidas con exceso de azucre, que recadaría 11M€; un imposto aos servizos e comunicación electrónicas a abonar polos operadores de telefonía, cuxa recadación de 5 M€ tería como destino finalista apoio ao sector cultural audiovisual.
Igualmente, un imposto ás vivendas que leven máis de dous anos baleiras cando os inmobles sexan propiedade de persoas xurídicas, “coa finalidade de evitar que se condicione o mercado por parte de fondos voitre ou de entidades financeiras como a Sareb”, explicou Presas. E, finalmente, un imposto ás redes de alta tensión para exportar enerxía eléctrica a outro territorios “polo seu impacto ambiental e visual”, que aportaría 1 millón de euros.
Con esta batería de novos impostos e incrementando a progresividade dos que xa existen, o Bloque estima unha recadación de 200 millóns de euros adicionais para nutrir os orzamentos de 2019.
A formación nacionalista aproveitou a presentación da emenda á totalidade para denunciar a utilización da lei de acompañamento dos orzamentos “como mecanismo perverso” para introducir modificacións pola porta de atrás en até un total de 35 normas, decretos e leis “sen transparencia, sen os correspondentes informes sectoriais e sen consultar as persoas afectadas”, explicou o deputado Luís Bará.
En concreto, denuncia un “pelotazo urbanístico” no concello de Mós utilizando a lei de acompañamento para modificar un artigo da Lei do Solo co único obxectivo de conceder a empresas privadas a capacidade de expropiar terreos para construír un complexo deportivo unido a un gran centro comercial.
Cidade Deportiva do Celta, como tapadeira
“Co nome de Cidade Deportiva do Celta en Mos agochase unha tapadeira dun gran macrocentro comercial na área de Vigo, -mediante unha modificación puntual do PXOM de Mos que xa se da por feita-, que ocupará 142.000 metros cadrados de extensión e 120.000 metros cadrados de edificabilidade. Non vemos por ningún lado interese público neste macrocentro promovido por unha entidade privada como é o Celta de Vigo, que no futuro pode ser capital catarí o chinés”, alegou.
“Ese capital estranxeiro especulativo que leva tempo tentando facer unha operación en Vigo e área de influencia que disfrazan de utilidade pública, pero non se trata dun hospital, un instituto, depuradora ou parque empresarial. A declaración pública é o que abre paso a capacidade de expropiación”, argumenta Bará. “É un dereito de pernada medieval aplicada ao urbanismo no século XXI, para favorecer un pelotazo urbanístico”, concluíu.