BNG emenda os Orzamentos do Estado por consideralos discriminatorios para Galiza
Ante o proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno do Estado, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, afirmou que “queda moi lonxe das políticas verdadeiramente transformadoras que defende o BNG, que aposten porque a saída da crise económica e social non recaia -unha vez máis- sobre as maiorías sociais e actúen como verdadeiro mecanismo de reequilibrio social”.
En relación co investimento territorializado, Néstor Rego cualificou estes orzamentos como negativos e discriminatorios con Galiza. “É inaceptábel que, sufrindo a nosa nación un déficit histórico en investimentos en equipamentos e infraestruturas -especialmente no ámbito da mobilidade ferroviaria- o proxecto de Orzamentos non só non compense ese déficit senón que non atenda a necesidades perentorias do noso País” sinalou.
O BNG considera inaceptábel que, a pesar de que o orzamento global increméntase en 19,4% e os capítulos VI e VII en 138%, redúcese o investimento directo na Galiza en 11,4% respecto dos orzamentos do Partido Popular de 2018, xa claramente insuficientes. O investimento territorializado queda nos 832 millóns de euros, moi lonxe das necesidades urxentes que ten Galiza.
“Un agravio co noso País, evidente tamén nos investimentos en infraestruturas” salientou o deputado nacionalista, que aproveitou para destacar que a pesar de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana incrementa os capítulos VI e VII máis de 50%, os investimentos na Galiza caen de forma significativa e manteñen a constante dos gobernos españois -dun ou outro signo- de discriminar ao noso País. “Non nos serve o argumento de que os investimentos superiores de anos anteriores xustificábanse pola Alta Velocidade. Para empezar porque Galiza ten grandes necesidades en materia ferroviaria que van máis aló do AVE, porque a prioridade debe ser articular a mobilidade interior, de forma sostible, cunha rede moderna e eficaz”.
O BNG denuncia que a maioría das liñas atópanse en estado de abandono, a pesar de que o Goberno non prevé partidas ou son meramente simbólicas. E pon como exemplos as liñas A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, a de FEVE Ferrol-Ribadeo, a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña ou o “saída sur” de Vigo que complete o Eixo Atlántico ata a fronteira portuguesa.
“Mais é que mesmo con respecto ao AVE o goberno non cumpre” destacou Néstor Rego, que lembrou que para ser realmente alta velocidade, “Ourense necesita unha variante, pero para a mesma órzanse só 29 millóns de euros, de 636 en que está valorada a obra”.
O deputado nacionalista sinala que o mesmo sucede coas infraestruturas viarias, e destaca que ademais de completar a autovía A-54 Compostela-Lugo é necesario avanzar na A-56, Ourense-Lugo e a A-74, na Mariña, para as que só se contemplan partidas simbólicas, “o que evidencia a falta de vontade do Ministerio en executalas”.
A formación nacionalista congratúlase das partidas destinadas ás bonificacións das peaxes da AP-9, 55 millóns que veñen paliar o problema, “e que figuran grazas á insistencia do BNG”.
Por outra banda, o BNG non comparte un proxecto de orzamentos en que, en plena pandemia sanitaria -sen computar os fondos europeos- máis de 40% dos investimentos reais do Estado destínanse ao ámbito militar. Ou que o orzamento destinado á Casa Real increméntese en 6,9%. A formación nacionalista considera inxustificábel que, despois dos escándalos relacionados coa corrupción dos Borbóns, das contas con millóns en paraísos fiscais e o dispendio con tarxetas opacas, decídase subir o asignado á Casa Real. “Entendemos que sempre -mais máis nesta situación excepcional- a prioridade absoluta debe ser o gasto social, garantir a protección dos sectores máis desfavorecidos e fortalecer servizos públicos de calidade”.
Neste sentido, Néstor Rego destacou que un dos principais problemas do sistema sanitario é a falta de medios humanos e as condicións de precariedade, problema que “é imposíbel solucionar sen eliminar a Taxa de reposición de efectivos” e -lembrou- este Congreso recomendou ao Goberno facelo, grazas a unha proposta do BNG pero non só non a elimina en sanidade, senón que a mantén para todo o sector público”.
En referencia ao sistema fiscal, o BNG aposta por modificalo para que paguen máis os que máis teñen. Rego destaca que entre as medidas de xustiza fiscal debería estar a reforma da Lei de Patrimonio para que se suba o imposto a partir dun millón de euros e non dez, como propón o Goberno; ou modificar o IRPF para non prexudicar ás persoas con rendas máis baixas e máis dun pagador e por resolver o inxusto tratamento fiscal aos emigrantes retornados.
En canto ás pensións, máis aló da revalorización de 0,9%, a formación nacionalista considera necesario elevar as mínimas para equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional e para recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos da anterior crise.
O deputado nacionalista recalcou que estes orzamentos non recollen as necesidades dos galegos e galegas, o que permite constatar de novo que Galiza non atopará a solución aos seus perentorios problemas no marco xurídico-político actual. “Ter capacidade para decidir de forma soberana sobre os nosos propios recursos e marcar as prioridades é fundamental para poder seguir avanzando, pois o Estado volve dar as costas ao noso País e á maioría social do noso pobo” subliñou.
Néstor Rego asegurou que ao BNG gustaríalle poder votar a favor na aprobación definitiva, porque iso significaría que se tomaron en consideración as medidas necesarias para desbloquear os problemas da Galiza. Mais advertiu que para iso o goberno ten que moverse e corrixir o trato dado ao noso País. “É o que espera o BNG e, sobre todo, é o que esperan os galegos e galegas”, recalcou.