Congreso

BNG, EH Bildu e ERC fechan co Goberno aprobar antes de fin de ano o Real Decreto para prorrogar o gravame ás enerxéticas no Consello de Ministros

Deputados e deputadas de BNG, Bildu e ERC

As formacións soberanistas catalá, vasca e galega reuníronse este mércores con representantes do Ministerio de Facenda, PSOE e Sumar no Congreso

O Goberno comprometeuse con ERC, EH Bildu e BNG a aprobar a prórroga do gravame no Consello de Ministros antes de fin de ano: é a única vía posible para garantir a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2025

BNG, ERC e EH Bildu acordaron hoxe co Goberno español a aprobación no Consello de Ministros, antes de fin de ano, do Real Decreto que permitirá manter o gravame ás enerxéticas, co obxectivo de validalo no Congreso e tramitalo como Proxecto de Lei para convertelo en imposto. No deseño do texto incluiranse as bonificacións a proxectos renovábeis propostas por outros grupos, mostrando así a nosa vontade de lograr un acordo amplo e equilibrado entre todas as forzas políticas necesarias para a súa aprobación.

Desta maneira, dáse cumprimento ao acordo alcanzado o pasado 18 de novembro entre ERC, EH Bildu e BNG co Goberno para garantir que as enerxéticas sigan pagando o que lles corresponde. A fórmula pactada —decreto e posterior tramitación— é a única posíbel para asegurar a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2025, así como a súa conversión en imposto en poucas semanas e a súa concertación coas Facendas forais vasca e navarra.

ERC, EH Bildu e BNG estamos comprometidos co mantemento deste imposto e con lograr as maiorías necesarias para a súa aprobación e, con este obxectivo, máis aló das escenificacións políticas duns e outros, traballamos sen descanso para lograr este obxectivo en todas as reunións e conversacións mantidas durante as últimas semanas. O Real Decreto, por tanto, aprobarase no Consello de Ministros e Ministras, debaterase no Congreso e cada partido político deberá decidir e dar conta da súa posición ante a cidadanía.

Desde as forzas de esquerdas debemos ser claras e sinceras coa cidadanía para non confundir a ninguén. Debido á actual aritmética parlamentaria, durante a tramitación do Proxecto de Lei non foi posible converter o gravame ás enerxéticas nun imposto permanente tal como propoñiamos nas nosas emendas. A única forma de evitar a súa desaparición para partir do 1 de xaneiro de 2025 é a que acordamos: unha prórroga mediante Real Decreto Lei. Todos os grupos eramos e somos conscientes diso.

En paralelo, Podemos alcanzou un acordo co Goberno para crear unha comisión negociadora e explorar o consenso necesario sobre un imposto ás enerxéticas. Esta comisión, na que participamos de forma activa, constituíuse a semana pasada e reuniuse en dúas ocasións, dando debido cumprimento tamén a ese pacto.

Coa aprobación do Real Decreto darase cumprimento ao acordo alcanzado por ERC, EH Bildu e BNG co Goberno para que a prórroga do gravame sexa unha realidade. Esperamos que todas as forzas políticas que comparten este obxectivo sómense a este esforzo e sigamos dando pasos nesa dirección.