O BNG disposto a apoiar unha folga xeral para recuperar os dereitos roubados durante a crise
Ana Pontón: “Non podemos continuar con salarios e pensións que cada vez chegan a menos nin vendo como aumenta a desigualdade coas mulleres”
Denuncia a dobre estafa que soporta Galiza: A de Raxoi e a derivada da subordinación de Feixóo
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación nacional do Primeiro de Maio convocada pola CIG en Vigo, na que avanzou a total disposición do Bloque para apoiar unha folga xeral como medida de mobilización social para recuperar os dereitos roubados durante a crise.
“Urxe unha resposta social contundente e por iso desde o BNG acollemos con bos ollos a proposta que lanza a CIG dunha folga xeral como resposta ao roubo de dereitos, ante a precariedade, ante o paro, ante a estafa das pensións”, salientou Pontón, por iso, a mobilización do 1ºM “ten que ser o primeiro paso para camiñar cara esa resposta social”.
A dirixente nacionalista considera que a mobilización e folga xeral están máis que xustificadas ante salarios e pensións que non permiten unha vida digna e ante a discriminación crecente contra as mulleres.
Pontón reflexionou ademais sobre o feito de que Galiza soporta unha dobre estafa de dereitos, a de Raxoi e a de Feixóo. “Estáfanos Raxoi porque recorta dereitos e recorta as pensións, pero tamén nos estafa Feixóo coa súa incapacidade para defender os intereses deste país e coa súa submisión a Madrid, que nos trae máis paro, precariedade e emigración. Temos unha inmensa riqueza, pero non temos un goberno capaz de poñer esa riqueza a producir en beneficio a maioría social”, denuncio.
Despois de comprobar como as forzas estatais foron incapaces de derroga as contrarreformas laborais de PP e PSOE e de leis que van contra a maioría social como a Lei Mordaza, Pontón instou a tomar decisións desde Galiza.
“Para reconquistar eses dereitos non podemos estar agardando polos demais, senón que teñen que ser os e as traballadoras deste país quenes dean unha resposta contundente tanto este primeiro de Maio como ao longo de todo ano”, e empezar a darlle a volta a un modelo económico “no que cada vez os ricos son máis ricos e a clase traballadora máis pobre”, concluíu.