O BNG dirixe a campaña do Día da Patria Galega á cidadanía que quere abrir un novo ciclo político en 2020
Desde a pluralidade e as diversas formas de sentir o país, convida a sumar co BNG para lograr unha Galiza próspera, inclusiva e con dereitos
Aproveitará os actos de celebración do Día da Patria para realizar unha campaña de afiliación co obxectivo de lograr 500 novas altas na militancia
Baixo o lema Galiza, un novo impulso, o Bloque arranca a campaña de celebración do Día da Patria cun cento de actos por todo o país para conmemorar unha data emblemática para o nacionalismo galego, que culminará coa manifestación nacional do 25X en Santiago, manifestación que un BNG á alza espera histórica e que constitúe, en palabras do secretario de Comunicación, Xavier Campos, “o maior acto social de celebración da nación galega”.
Este 25X, subliñou, ten a particularidade de celebrarse tras saír de dúas citas coas urnas e encarando ás eleccións galegas, cun BNG á alza e convencido de que unha maioría social quere abrir un novo tempo político.
“Somos unha forza que medra e sabemos que hoxe hai unha maioría de galegos e galegas que queren abrir un novo ciclo político, que queren ver a Feixóo e a o PP na oposición, que miran ao Bloque e a súa portavoz nacional, Ana Pontón, con simpatía e ilusión. A esa maioría social queremos dirixirnos con esta campaña cunha idea clara: sumar co BNG para darlle un impulso a Galiza e avanzar no país próspero, soberano e con futuro que queremos”.
Campos foi o encargado de presentar a campaña, graficamente sintetizada nun mapa de Galiza debuxado a base de pegadas dactilares de distintos tamaños e cores, “para simbolizar que este é un país plural, diverso, con persoas que temos diferentes formas de pensar, de sentir e de vivir o noso país”. Unha pluralidade, recalcou, que hoxe conforma a sociedade galega á que o BNG lle propón “un novo proxecto de avance colectivo para impulsar a Galiza aberta, próspera, inclusiva e con dereitos, coa aspiración de decidir plenamente sobre todo o que nos afecta”.
O Bloque quere aproveitar a celebración do Día da Patria para reforzar a súa estrutura interna, desenvolvendo en paralelo unha campaña de afiliación co obxectivo de incrementar en 500 o número de militantes. Hai que ter en conta, explicou Campos, “que imos celebrar máis dun cento de actos, conferencias, mesas de debate, festas, encontros por todo o país, o que nos da a oportunidade de falar directamente con moitas persoas”.
“Somos unha forza coas portas abertas e a man tendida”, destacou o secretario de Comunicación e, nun momento no que a formación nacionalista está claramente á alza, “queremos que moitas máis persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón dea o paso de activarse, que se sumen ao BNG para axudar a construír un país mellor”.
Como dato, Campos lembrou que dos 4.000 galegos e galegas que participaron nas candidaturas municipais do Bloque, o 50% non era militante, “hai un gran potencial de medre”, concluíu.
Himno a ritmo de hip-hop
Como é habitual tanto nas campañas electorais como na campaña do 25X, o BNG fai unha aposta polo talento creativo do país, incluíndo entre o material divulgativo da celebración do Día da Patria un tema musical a modo de himno reivindicativo, como xa fixo en 2017 e 2018, que nesta ocasión corre a cargo do grupo de hip-hop Son da Rúa, que será lanzado en formato vídeo nas redes sociais nos próximos días e que se utilizará como banda sonora nos actos de celebración previos a manifestación nacional en Compostela.