Parlamento Galego

BNG desvela contradicións entre os dous informes de viabilidade sobre a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro

Iago Tabaré interpelando ao conselleiro

O deputado Iago Tabarés subliñou que nos últimos cinco anos a Xunta do PP adxudicou máis de 4.000 M€ a través de un millón de contratos menores

Os deputados do BNG que integran a comisión de investigación sobre os chanchullos do PP na contratación pública centraron este xoves boa parte das súas intervencións en poñer de manifesto as contradicións que existen entre os dous informes sobre a viabilidade económico-financeira para a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, informes que o Goberno de Feijóo encargou á consultora PricewaterhouseCooper (PwC), que non vai comparecer no Parlamento galego polo veto do Partido Popular.

Precisamente, o deputado do BNG Oscar Insua volveu pedir a comparecencia dun representante desta consultora trala intervención de Alfredo Fernández Rancano, de Garrigues Avogados, ao que o PP si elixiu como comparecente por estudos feitos durante o goberno bipartito.

Insua aproveitou a súa intervención para pór de manifesto as contradicións entre os dous informes de PwC, datados ambos os dous no mes de xaneiro de 2010. Segundo explicou, un deles, escrito en galego e moito máis reducido, recollía só como perímetro concesional o Hospital Álvaro Cunqueiro.

Porén, o segundo, ampliaba o perímetro da concesión para servizos non sanitarios, como lavandería ou limpeza, ao Meixoeiro, ao Nicolás Peña e ao Centro de Consultas Externas e Pac (CAR-Pac). Serviu, asegurou Insua, para  avalar un modelo contractual que fixo que “as empresas gañen aínda máis cartos a conta dos e das galegas”, aludindo aos 470 millóns de sobrecusto na construción do edificio do Hospital Álvaro Cunqueiro.

“Este é o gran problema, cambian o perímetro concesional nun tris, que é o que pon en tea de xuízo tamén o Consello de Contas”, asegurou, aludindo ao informe do órgano fiscalizador que considera que a ampliación dese perímetro careceu de amparo legal.

Sobre as contradicións dos informes de PwC preguntoulle tamén ao actual conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o deputado nacionalista Iago Tabarés, que aproveitou para subliñar que, fronte ao que sostén o PP, nestes estudos incluíase unha avaliación de diferentes posibilidades de financiamento “sen consolidación de endebedamento” para o Hospital Álvaro Cunqueiro.

O conselleiro non aclarou as dúbidas dos deputados nacionalistas, interesados tamén en saber cal dos dous informes de PwC foi a exposición pública, tendo en conta que o segundo, que é o que contempla a ampliación da concesión, foi declarado confidencial pola propia Administración.

Iago Tabarés interrogou tamén ao conselleiro sobre o abuso de contratos menores e de emerxencia durante a pandemia para beneficiar a empresas amigas de altos cargos do PP, entre elas Eulen -que dirixe en Galiza Micaela Feijóo, a irmá do ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo-, Universal Suport, da que é directivo o cuñado do actual líder do PP no Estado, ou Mape Asesores, para a que actuou como intermediario, cun beneficio millonario, o compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso.

Tabarés subliñou que nos últimos cinco anos a Xunta do PP adxudicou máis de 4.000 millóns de euros  a través de un millón de contratos menores, que o Goberno do PP incrementou malia que o Consello de Contas nun informe do 2018 xa aconsellou expresamente a necesidade de rebaixar o seu número. Trátase dunha contratación “discrecional e, en moitos casos, arbitraria”, aclarou o deputado do Bloque, que calculou entre un 10 e un 20 % o que pode aforrar a Administración, e polo tantos os galegos e as galegas, se as licitacións se fan por concorrencia competitiva.

O deputado do BNG cuestionou, por outra banda, a normalidade de que algúns contratos menores se asinen “mes a mes, durante anos, para prestar un mesmo servizo”. “Iso non é legal e non sei se beneficia a moitas adxudicatarias, pero si beneficia a Eulen”, concluíu en referencia á empresa da irmá de Feijóo, Micaela Núñez, que entre 2018 e 2023 recibiu da Xunta 1.311 contratos a dedo por valor superior aos 4,8 millóns de euros. Corgos non se pronunciou sobre estes contratos.