O BNG desprega unha grande pancarta no Parlamento galego contra a Reforma do aborto
O Grupo parlamentar do BNG despregou, hoxe no Parlamento galego, unha grande parcarta baixo o lema "En defensa do dereito das mulleres. Aborto libre e gratuíto".
Tras despregar a pancarta, a portavoz de Política de Igualdade, Carme Adán explicou que a intención do BNG é reclamar do Parlamento galego "un pronunciamento contra a reforma da Lei do aborto" e emprazou a Núñez Feijóo a dicir publicamente se está ou non a favor desa reforma.
A nacionalista denunciou que a intención do Partido popular non é outra máis que "dar marcha atrás nos dereitos das mulleres" e a única posibilidade de parar esta reforma, recalcou, "é retirar o anteproxecto de lei".
De levarse adiante a medida, dixo, "será un paso de xigante contra os dereitos conquistados polas mulleres durante décadas" e por iso, hoxe, diante do Parlamento, que é a "casa de todos e todas as galegas", o BNG desprega esta gran pancarta para afirmar que as mulleres son as que teñen que decidir e que o aborto debe ser libre e gratuíto.