BNG desmonta cos datos oficiais as políticas de vivenda da Xunta: “son unha gran mentira, unha gran estafa”
Á portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, abondoulle unha soa intervención no Parlamento galego para desmontar, cos propios datos oficiais, as políticas de vivenda da Xunta. “Son unha gran mentira, unha grande estafa”, concluíu despois de debullar as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE), o Ministerio de Fomento e mesmo o informe de seguimento do Plan Estratéxico de Galiza 2018-2020.
Así, recordou que entre 2015 e 2020 o Goberno do PP só iniciou 400 vivendas protexidas en toda Galiza, fronte ás 4.200 iniciadas só en 2006; é dicir, o Executivo Feixóo só comezou a décima parte das vivendas protexidas que se facían antes de acceder á presidencia. Ademais, durante este período rexistráronse anos enteiros de “auténtico deserto”, como en 2015, con tan só 5 vivendas iniciadas; 2016, con tan só 4 e 2017, con tan só 5.
“Prometían vivenda pública e paralizaron a vivenda pública”, reprobou Fernández, quen tamén advertiu que entre os anos 2014 e 2018 só houbo en todo o País unha única vivenda pública en réxime de alugueiro.
De igual xeito, e segundo o propio informe de seguimento da Xunta do Plan Estratéxico de Galiza 2018-2020, a superficie de solo adquirido foi de 0 m2 en 2018 e 0 m2 en 2019, “a inacción máis absoluta”. “Paralización da adquisición e preparación de solo público e paralización da construción de vivenda protexida”, recriminou, para subliñar a continuación que a falta de impulso de solo público e de vivenda protexida supón que a Xunta é “corresponsable, por inacción, da actual subida de prezos e de deixar desprotexida á xente deste País”, todo o contrario ao que prometera e mesmo comprometera no seu Plan de Vivenda 2015-2020. Ao seu xuízo, o Executivo do PP “anuncia o que a xente espera dos seus plans de vivenda e despois fai todo o contrario”.
“É bastante revelador que vostedes non rebatan estes datos e é probable que non o fagan porque teñen absolutamente normalizado que era unha gran mentira ao que se comprometeran”, afeou á bancada do PP na súa quenda de réplica, na que tamén repasou os flagrantes incumprimentos noutras áreas das súas políticas de vivenda, como por exemplo, o compromiso de reducir co citado plan o colapso de máis de 15.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda. “Despois dos cinco anos de vixencia do plan, cal foi o resultado? O mesmo, máis de 15.000 persoas inscritas”, resumiu.
Nesta mesma liña, repasou “o bluf da rehabilitación” a través do programa Rexurbe, que comprometía 1,7 millóns para rehabilitación do parque de vivenda pública e 200.000 euros para crear oficinas de rehabilitación con 0 e 0 euros executados, respectivamente. “Lonxe de desculparse por rehabilitar só 9 vivendas das 1.500 comprometidas en 2016, na campaña electoral de 2020 redobran a aposta e comprometen 3.000 ao longo da lexislatura, algo que todas e todos sabemos que non van cumprir porque significaría obrar o milagre de 750 vivendas por ano cun orzamento de tres millóns de euros, que foi o que executaron dos oito millóns co que estaba dotado este plan”, censurou.
Fernández engadiu que o mesmo acontece con outros programas como os relativos á vivenda baleira, “con tan só 30 vivendas baleiras mobilizadas en catro anos” ou o programa Rehaluga, “con tan só dúas axudas concedidas por un importe total de 6.907 euros”.
“Vendo estas cifras enténdese mellor porque vostedes foxen de render contas”, ironizou sobre o veto do PP á proposición non de lei nacionalista para que a Xunta entregue de xeito inmediato ao Parlamento o informe de avaliación do Plan Rehavita, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, do que o Goberno galego leva un ano negándose a remitir á Cámara pese a comprometerse a facelo, a última vez e a iniciativa do BNG, a finais do ano pasado.