O BNG denuncia que a Xunta utiliza estudantes de enfermería en lugar de persoal titulado para o cribado nas universidades
O BNG denuncia que a Xunta delega no estudantado de enfermería a realización dos cribados entre os universitarios dos campus galegos para detectar asintomáticos COVID, pese ao risco que supón facer este tipo de probas sen contar coa formación necesaria.
“Segundo o anunciado polas universidades, estes tests serán realizados por estudantes de Enfermaría en lugar de por profesionais titulados, ofrecéndoselle a cambio unha convalidación por horas de prácticas, o que supón unha eiva para estas estudantes, que pasan a realizar tarefas de escaso labor formativo en lugar das prácticas estipuladas polo seu plan de estudos”, explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Iria Carreira.
Para a deputada nacionalista, “resulta inadmisible poñer a persoal sen a cualificación necesaria a facer un cribado con que corren un importante risco de resultar infectadas”, advertiu, ademais de explicar que o alumnado en formación “debe estar supervisado por persoal cualificado que se responsabilice do traballo das probas”.
“O que non pode ser é que as estudantes sexan as que maquillen as carencias do SERGAS, que a Administración mire para outro lado e realice estas probas con man de obra barata, tanto que lle sae gratis, para non afrontar o gasto que lle supón”, explicou Carreira, tras destacar que a pandemia está mostrando “as carencias dun sistema que xa facía augas” tras once anos de recortes do Goberno do PP.
Desde o 21 de outubro están a realizárense cribados nos campus das tres universidades galegas para a detección de pacientes portadores asintomáticos do virus SARS-CoV-2 entre o estudantado universitario, cribado impulsado pola Dirección xeral de saúde, que se efectúa mediante tests rápidos de dobre banda facilitados desde o propio SERGAS, a pesar de que o material de protección necesario así como o acondicionamento dos espazos correu a conta das Universidades.
O Bloque levará este asunto ao Pleno do Parlamento para que o Executivo de Feixóo dea explicacións sobre unha medida que implica un risco para o alumando de enfermería e un deterioro da súa formación.