BNG denuncia a xestión “inhumana e neglixente” que sofren usuarios e traballadores da residencia de dependentes de Vigo
Alexandra Fernández advirte que o CRAPD I é unha “bomba de reloxería que está a piques de estoupar” porque “a convivencia é xa imposible”
Persoas maiores comparten espazos comúns e incluso habitacións con usuarixs que proveñen de emerxencia social ou con patoloxías psquiátricas
A deputada do BNG Alexandra Fernández advertiu no Pleno do Parlamento que o Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes I (CRAP I) de Vigo é “unha bomba de reloxería a piques de estoupar” porque “a convivencia é xa insostible”. Denunciou deste xeito aos problemas que se están a rexistrar nunha residencia pensada para persoas maiores pero na que están ingresados tamén usuarios e usuarias que proveñen de emerxencia social ou con patoloxías psiquiátricas.
Segundo explicou a deputada nacionalista, persoas maiores conviven nesta residencia nos mesmos espazos comúns e incluso no mesmo cuarto con persoas que sofren problemas de agresividade explosiva, de drogadicción ou de acatamento das normas. Na actualidade, precisou, hai 35 usuarios con este tipo de perfís, que precisan de atención especializada que non reciben neste centro, sen psiquiatras ou outro persoal cualificado.
Na exposición dunha pregunta á conselleira de Política Social sobre esta cuestión, Alexandra Fernández criticou a xestión “inhumana e neglixente” que se está a facer no centro, onde -apuntou- xa son habituais a falla de acatamento das normas de convivencia, os roubos e as agresións físicas e verbais a usuarios e ao persoal traballador.
Sen ir máis lonxe, hai unhas semanas unha destas persoas ameazou a unha traballadora poñéndolle un coitelo no pescozo, e no CRAP 2 unha persoa usuaria feriu a outra na cabeza baténdolle cun bastón, argumentou.
“As persoas maiores viven con medo”, advertiu a deputada de Vigo, asegurando que “ninguén se merece no final da súa vida ter que vivir así, agochando as pertenzas ou deixando de ir ao aseo por medo a molestar a un compañeiro de cuarto”. Agregou, neste sentido, que a situación é “insostible” tanto para as persoas maiores que viven con angustia como para as traballadoras, que “van ao centro con medo a unha agresión”, e tamén para as persoas usuarias con “perfís máis complexos” que non reciben a atención. “Elas tamén son vítimas da falla de atención específica”, remarcou.
É por iso que a deputada do BNG criticou con firmeza a política de Política Social que, no fondo, “consiste en derivar a estes centros todos aqueles casos para os que a administración non ten programas nin equipamentos para atendelos”. “Están deambulando polos corredores sen que lles dean ferramentas e oportunidades para mellorar”, lamentou.
De aí a súa reclamación á conselleira dun centro extrahospitalario de carácter residencial que atende a este tipo de persoas usuarias de forma integral, con equipas multidisciplinares especializadas neste tipo de perfís.
Alexandra Fernández lamentou, porén, a falta de empatía do Goberno do PP á hora de recoñecer este problema e darlle solución, garantindo o dereito das persoas a vivir nun ambiente amable e tranquilo, o dereito das persoas traballadoras a ter un entorno laboral seguro e o dereito das persoas en situación de emerxencia social ou con patoloxías psquiátricas de estar ben atendidas.