O BNG denuncia a vulneración de dereitos e liberdades no Proxecto de Rexistro de Datos de Pasaxeiros
Néstor Rego salientou que é unha medida desacertada que incide sobre unha serie de decisións, medidas e actuacións que coartan ou vulneran dereitos e liberdades.
O deputado nacionalista advertiu que a limitación aos dereitos democráticos e as liberdades públicas xa está aquí e os riscos de vulneración grave no futuro son evidentes: Lei Mordaza, Decreto da mordaza dixital, instrucións aos corpos de policía, etc.
O BNG rexeita esta lei que pode dar lugar a unha censura e control de determinadas formas de actuar, de pensar, de circular que se van a considerar sospeitosas e polo tanto, controlábeis a priori polas autoridades.
O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha emenda á totalidade de devolución do Proxecto de Lei Orgánica sobre a utilización dos datos do Rexistro de Nomes de Pasaxeiros para a prevención, detección, investigación e axuizamento de delitos de terrorismo e delitos graves. O deputado nacionalista, Néstor Rego, salientou que “a noso xuízo é unha medida desacertada que incide sobre unha serie de decisións, medidas e actuacións que coartan ou vulneran dereitos e liberdades”.
Por este motivo o BNG rexeita esta lei que pode dar lugar a unha censura e control de determinadas formas de actuar, de pensar, de circular que se van a considerar sospeitosas e polo tanto, controlábeis a priori polas autoridades. Os nacionalistas defenden que debe evitarse os excesos legais e as presións que periodicamente se suceden para o acceso aos datos dos cidadáns sen o expreso consentimento destes ou sen control xudicial sobre ese acceso.
O deputado do BNG salientou desde a tribuna do Congreso que a vixilancia das comunicacións e os datos persoais debe ser considerada un acto altamente intrusivo que vulnera os dereitos a privacidade, a liberdade de expresión e ameaza os fundamentos de calquera sociedade democrática. “Esta lei non é ningunha garantía para a nosa seguridade, todo o contrario, temos claro que é un perigo para a nosa liberdade” destacou o Rego.
Néstor Rego defendeu que os dereitos fundamentais recollidos na Constitución e en diversas normas de carácter internacional, “só deberían poder ser limitados nos casos en que esas mesmas normas recollen, baixo supervisión xudicial e sospeitas fundadas da comisión dun delito”. Ademais, criticou que “estamos diante dunha intolerábel invasión colectiva da intimidade das persoas e dos seus datos con carácter preventivo, sen evidencias da comisión de delitos”. O BNG considera que esta nova normativa pode vulnerar o dereito á intimidade persoal e familiar.
Desgraciadamente esta Lei non é unha actuación illada, o deputado do BNG criticou que “a crise sanitaria, social e económica provocada polo coronarivus ocupou todas preocupacións da xente até o foco informativo case en exclusiva, tanto que pode ocultar preocupantes actuacións que colocan en risco, cando non conculcan directamente, dereitos democráticos e liberdades públicas”.
O deputado nacionalista puxo en dúbida a calidade democrática do Estado español. Rego mencionou algunhas das vulneracións máis coñecidas como o caso do rapeiro Pablo Hasel, por alusións á corrupción da Casa Real, ou a Operación Jaro contra 12 independentistas galegos e que inclúe a pretensión de ilegalizar unha organización política e outra social como son Causa Galiza e Ceivar.
Neste sentido, Rego tamén lembrou que a día de hoxe segue vixente a Lei Mordaza, que ademais de non ser derrogada como prometeran o Partido Socialista e Podemos, o Goberno do PSOE aprobou en outubro de 2019 o “Decreto da mordaza dixital”, validado cos votos a favor do PP e Cs e a abstención de Unidas Podemos. Un decreto que se vendeu como unha acción contra a ‘República dixital catalá’ e que na realidade permite a limitación da liberdade de expresión en Internet, incluso sen control ou autorización xudicial. “Constitúe, por tanto, unha grave ameaza a un dereito democrático fundamental e é impropio dun sistema que se diga democrático” subliñou Rego.
Néstor Rego advertiu que “a limitación aos dereitos democráticos e as liberdades públicas xa está aquí e os riscos de vulneración grave no futuro son evidentes: Lei Mordaza, Decreto da mordaza dixital, instrucións aos corpos de policía que exceden incluso as previsións legais, militarización dunha emerxencia sanitaria, barrido nas redes de opinións supostamente perigosas, globo sonda do CIS para a limitación da liberdade de información e agora, Lei para o Control do Pasaxe dos avións”. Rego afirmou que “non hai dúbida de que se estas medidas as estivese executando o Partido Popular, habería un forte movemento de rexeitamento. Mais se un goberno que se denomina progresista conformado por partidos que se definen de esquerda, fan políticas de dereita e implementan medidas que coartan dereitos e liberdades públicas, é exactamente igual de perigoso e merece exactamente o mesmo rexeitamento”.
Madrid, 11 de xuño 2020.-