O BNG denuncia o vídeo do PP “Galicia é Moito” na Xunta Electoral
O Partido Popular lanzou co data de 2 de marzo un vídeo nas redes sociais, e que se recolle en diversos medios de comunicación, da súa canción de campaña, titulada “Galicia é moito”, interpretada polo grupo “Los Limones”.
Neste vídeo aparece de forma continuada ao longo dos tres minutos que dura o mesmo, continuas referencias ás obras, maquetas, proxectos feitos pola Xunta de Galiza. O vídeo do PP, no que se agocha o logo do partido liderado por Feixóo, recolle reiteradamente de de xeito partidista e electoralista o logo da Xunta e o escudo institucional.
O PP ofrece deste xeito, unha visión de continuidade e confusión deste partido coa Xunta de Galiza, nun vídeo que apenas aparece o logo ou referencias á organización política que patrocina o vídeo, e que se presenta ás eleccións Galegas do 5 de abril, producíndose ademais unha vulneración do principio de neutralidade dos poderes públicos.
O BNG pide a retirada do citado vídeo musical “Galicia e Moito” por vulnerar o acordo de 17 de outubro de 1989 da Xunta Electoral Central, que establece que “Non cabe a utilización ou apropiación partidista da figura de S. M. o Rei nin de símbolos ou institucións do Estado, que pola súa natureza ou de acordo co establecido na Constitución, están por encima das distintas opcións políticas e son patrimonio da nación, polo que en ningún caso será admisible a súa apropiación ou manipulación polas concretas entidade políticas nos seus programas e publicidade electoral”.
Hai que recordar que o BNG presentou hai poucas semanas outra denuncia contra o PP por utilizar a web institución para facer propaganda en beneficio do PP e por imitar unha campaña institucional da Xunta de Galiza.