BNG denuncia o "veto" do PP para que compareza no Parlamento representantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino
A portavoz en materia de lingua do BNG, Mercedes Queixas denuncia o "veto" do PP na mesa da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento á proposta do BNG para a comparecencia dun/ha representante das organizacións sociais asinantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino.
"O PP volve empregar a maioría absoluta para pechar a porta na Cámara de representación do pobo á sociedade galega que está a demandar outra política lingüística no ensino que reverta a grave involución que presenta o proceso de normalización lingüística no que afecta á súa aprendizaxe e uso por parte das xeracións máis mozas", afirma a deputada do BNG.
A nacionalista explica que este novo veto á lingua galega por parte do PP, impide que un representante dos colectivos asinantes deste documento (AS-PG, NEG, ANPAS GALEGAS, MNL, CIG, STEG, CSIF) presente no Parlamento esta proposta de bases para a normalización lingüística no ensino, proposta presentada aos grupos da cámara durante a campaña electoral.
A parlamentaria do BNG recalca que o PP está a limitar, máis unha vez, con esta "censura" os dereitos democráticos das deputadas e deputados do BNG para poder desenvolver o seu traballo parlamentario segundo o articulado do Regulamento do Parlamento.
Para Mercedes Queixas, o veto do PP representa unha nova proba da "nula vontade dialogante do Partido popular " e a súa incapacidade para se converter en verdadeiro axente normalizador do galego entre a sociedade galega e coincidindo cos postulados das forzas representativas da extrema dereita española.