BNG denuncia o uso “partidista” do PP da Lei do Litoral e o seu desinterese no exercicio das competencias plenas de Galiza na regulación da costa
Bará sinala que o BNG “defende que Galiza exerza todas as competencias sobre o mar e a costa” e sinala que “a actual redacción do Estatuto ampara o exercicio das competencias na ordenación do litoral”
Empraza a unha negociación co Estado para a transferencia dos medios de xestión do dominio público marítimo e terrestre fronte a situación de “enroque en posicións partidistas” de PP e o goberno central
Pérez coincide na “necesidade imperiosa” da lei e reclama unha maior participación da sociedade civil na súa elaboración, ademais dunha ampliación do prazo de alegacións a tres meses
Pérez critica, ademais, que esta lei prepondere sectores como o turístico por riba do marítimo e pesqueiro e que o PP se atope nunha campaña “iniciada para defender algo tan insustentable como a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra”
O BNG levará á Cámara unha proposición non de lei para a defensa do exercicio por parte de Galiza de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo e terrestre algo “esencial”, como se recolle na iniciativa rexistrada.
“A actual redacción do Estatuto ampara o exercicio das competencias na ordenación do litoral” defendeu o portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente, Luís Bará, que sinala que a actual versión da Lei do Litoral anunciada polos Populares é “papel mollado” a non ser que se negocie unha transferencia dos medios de xestión do dominio público marítimo e terrestre, unha “peza central” da nova norma, que de momento carece de seguridade xurídica xa que confronta con varias normativas estatais..
Fronte ao “enroque en posicións partidistas” da Xunta e o goberno central, declarou Bará, o BNG presentou unha proposición non de lei de traspaso dos medios humanos e materiais de xestión do dominio público marítimo-terrestre “para poder xestionar dende Galiza as concesións neste ámbito”, anunciou o deputado do Bloque. Así mesmo, o BNG defende a apertura dun prazo de tres meses para que “todas as administracións, entidades sociais e o sectores económicos” poidan participar de forma activa na redacción desta lei.
Un PP máis interesado na confrontación que no exercicio das competencias galegas
Pola súa banda, Rosana Pérez, portavoz de Pesca, sostivo que o exercicio das competencias propias no litoral é “unha necesidade imperiosa” e concorda coa necesidade de “abrir un amplo proceso de debate social e institucional”, mais sinalou as súas dúbidas sobre as verdadeiras intencións da Xunta respecto deste proxecto, xa que “agora lle acorda ao PP todo o contrario do que veu defendendo durante anos”, criticou. Pérez recoñeceu o labor do Observatorio do Litoral da UDC na súa elaboración, pero sostivo que o texto é un punto de partida “con moitas asperezas para limar” e criticou, doutra banda, o emprego que está facer o Goberno do PP coa proposta, cun uso unicamente de “confrontación co Estado”, sinalou.
Unha Xunta, en definitiva, máis interesada en alimentar o enfrontamento institucional que en defender os intereses do mar e a costa galegas e que, advirte a portavoz de Pesca, atópase sumida nunha “campaña iniciada para defender algo tan insustentable como a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra”, con este anteproxecto de lei. Esta, unha iniciativa que comezou no ano 2019, despois da sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga de ENCE, concedida en 2018 de maneira irregular polo goberno central en funcións de Mariano Rajoy.
O BNG demanda nas alegacións rexistradas unha maior concreción nalgunhas propostas, a consideración como estratéxica da actividade pesqueira, a non consideración como estratéxica da “rede de establecementos turísticos do litoral” xa que, criticou Pérez, esta lei prepondera o turísticoe outras actividades por riba dos intereses do sector do mar. Ademais, a formación nacionalista tamén empraza a unha preeminencia da lexislación do patrimonio cultural nas actuacións sobre os bens do patrimonio histórico costeiro.